Ana Pontón pon en valor o traballo do BNG en Narón apostando pola economía social e o patrimonio

Ana Pontón en Narón
Ana Pontón en Narón

Visita a sede de Cooperativa de consumidores e crédito do Val e da Asociación Chamorro cos concelleiros Pablo Villamar e Teresa Sabio

A portavoz nacional, Ana Pontón, realizou unha visita institucional ao concello de Narón onde salientou a aposta do BNG pola economía social do municipio, onde mantivo encontros coa Cooperativa de consumidores e crédito do Val e coa Asociación sen ánimo e lucro Chamorro xunto cos concelleiros nacionalistas Pablo Villamar e Teresa Sabio así como de responsables locais e comarcais.

Pontón puxo en valor o traballo que está a levar a cabo o Bloque desde o Goberno local, cunha liña de apoio clara ao cooperativismo como motor económico, que ten nos proxecto visitado un referente de éxito.  “Cooperativismo que nos demostra que é posible facer as cousas doutra maneira, construíndo desde o local, mesmo desde as parroquias, alternativas de desenvolvemento económico”, salientou.

De feito, indicou, iniciativas como as da Cooperativa do Val “teñen hoxe máis sentido que nunca tamén por facer de cooperativa de crédito cunha concepción social do acceso ao financiamento, unha perspectiva comunitaria. Se houbese máis no país teríamos unha realidade social moi diferente, ademais de ser unha porta para construír un modelo bancario desde Galiza”, explicou Pontón.

A dirixente do Bloque salientou que este proxecto cooperativista de Narón cobra especial importancia ante un mercado laboral no que segue aumentando o paro, como indican os últimos datos.

“O que nos trasladan as cifras de hoxe é que a proclamada saída da crise non chegou a milleiros de cidadáns e estamos vendo que, a pesar de que hai máis riqueza que antes da crise, temos menos emprego e medran as desigualdades, o que significa que a crise consolida un modelo da precariedade, un modelo no que os galegos as galegas saímos perdendo”, argumentou Pontón.

Ademais da realidade de traballadores e traballadoras pobres, a dirixente do Bloque advertiu sobre o feito “de que sigue a haber unha emigración e unha precariedade moi fortes”, polo que  instou ao Goberno de Feixóo a cambiar o rumbo. “Necesitamos un novo modelo produtivo e poñer toda a riqueza do país ao servizo da creación de emprego e penso que nesta materia o Goberno galego ten unha débeda con todos os galegos e as galegas”.

A dirixente do Bloque tamén fixo fincapé noutro dos puntos fortes da acción nacionalista no Concello de Narón: a política social cun apoio decidido a proxectos como os que desenvolve a Asociación Chamorro, con anos de traballo con persoas con discapacidade intelectual. A área de Promoción Social e Igualdade do Concello de Narón, que dirixe Teresa Sabio, está comprometida cos obxectivos e desenvolve un traballo diario con todas as entidades que atenden a persoas con diversidade funcional no Concello de Narón.

Finalmente, a dirixente da formación nacionalista tamén coñeceu de primeira man os principais proxectos que se desenvolven desde a Área de Promoción Económica responsabilidade de Pablo Villamar, entre os que destaca a recuperación do patrimonio material que se traducirá na posta en valor do muíño da Xuvía, para o seu posterior uso como museo etnográfico, o que implica tamén un elemento de dinamización cultural e turística para o municipio.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG