Ana Pontòn pide o recoñecemento oficial de titulacións en belas artes, deseño e restauración

Visita á Escola de Belas Artes
Visita á Escola de Belas Artes

Reclama poñer fin aos recortes na Universidade para impulsar o grande potencial galego no ámbito da creatividade como nicho económico de futuro

Na súa visita á Escola de Deseño e Moda Galega na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón reclamou o “recoñecemento oficial” das titulacións demandadas dende o ámbito da creatividade  dende as  Belas Artes, o Deseño ou a Restauración.

Ademais, lembrou que é momento de   rematar cos recortes despois de   “nove anos coa universidade no conxelador”. Neste sentido, asegurou que deben ser creadas novas titulacións que permitan  impulsar  todo o potencial co que conta  Galiza co fin de crear nichos de desenvolvemento económico para o futuro.

Pontón afirmou que o estudantado terá máis oportunidades se conta cun titulo oficial. Nese sentido, lembrou que o BNG defendeu no Parlamento galego diferentes iniciativas para  o  recoñecemento oficial destas formacións. Normalizar a situación,  beneficiará sobre todo ao noso patrimonio onde temos “moito que restaurar”, dixo.

Acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o deputado, Luís Bará, a Decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García e a directora de ESDEMGA, Lola Dopico, a portavoz nacionalista   visitou as instalacións da Escola de Deseño e Moda así como os diferentes ciclos formativos en pintura, fotografía, deseño plástico, madeira, cerámica ,  téxtil, informática, animación audiovisual...

Pontón cualificou de “baluartes” de Pontevedra a Facultade de Belas Artes e  Escola de Deseño e Moda, centro formativo  cofinanciado polo concello. Esta  Facultade e a escola, manifestou, representan    unha clara “aposta polo talento”. Estamos, explicou, ante un cambio de “paradigma” onde o talento e  creatividade deben ser dúas pezas fundamentais para o desenvolvemento económico de Galiza.

Por outra parte, destacou o importante papel das mulleres no mundo  da moda no que a pesar de contar cun gran protagonismo, explicou  “as cabezas visibles seguen  sendo, na súa maioría varóns”. Pontón  reivindicou “máis visibilidade” para as mulleres neste espazo e fixo un chamamento a participar o vindeiro 8 de marzo na folga contra a desigualdade, a brecha salarial e a violencia machista. “Estamos fartas da desigualdade e resulta evidente que  o mundo sen mulleres non funciona”. Este 8 de marzo as mulleres galegas  temos que dicir “alto e claro” que non queremos seguir funcionando baixo o paradigma da desigualdade e da discriminación. Precisamos deixar atrás a precariedade, a pobreza que ten rostro de muller e este 8 de marzo imos poñer o foco en que necesitamos gobernos que cando lles pregunten pola brecha salarial non respondan “mejor no meterse en eso”.

Dende o BNG, recalcou, queremos denunciar a desigualdade e as políticas que a sustentan polo que fixo un chamamento a todas as mulleres a denunciar as situacións de discriminación e a participar nas diferentes actividades contra a desigualdade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG