Ana Ponton pide cese di Director Xeral Montes tras ser imputado por presuntas contratacións a dedo

Ana Pontón
Ana Pontón

O BNG demanda ao PP que consensúe con todos os grupos o contido da comisión de política forestal

O BNG non está disposto a que o PP se limite a despachar a vaga de lumes eludindo calquera responsabilidade e limitándose a anunciar unha serie de medidas recicladas ou xa previstas na normativa en vigor. Por contra, insiste en que é preciso crear unha comisión que analice e investigue os fallos cometidos, estableza como evitalos ante unha situación similar e propoña medidas para mudar o rumbo da política forestal fracasada dos últimos 30 anos.

Por iso, a portavoz nacional, Ana Pontón, pide ao PP que “consensúe con todos os grupos da Cámara” o obxecto da comisión parlamentaria anunciada polo presidente da Xunta, “para que resulte un instrumento útil para corrixir erros e acadar propostas de futuro, sen vetos, sen límites nin muros de contención. É unha oferta de diálogo que o PP debería aceptar en lugar de impoñer o rodillo ante o que foi a maior vaga de lumes da década”, salientou a dirixente nacionalista.

En previsión de que Feijóo opte por seguir no seu papel de “presidente entronado”, o BNG formula unha segunda alternativa para sortear un posible veto do PP á investigación da xestión dos incendios: solicitar a creación dunha comisión de investigación por parte dos tres grupos da oposición.

“Temos a posibilidade de actuar conxuntamente e, diga o que diga o PP, crear unha comisión de investigación. Por iso, téndolle a man a En Marea e ao PSOE para que, senón se produce ese consenso, lle deamos unha oportunidade aos galegos e as galegas para saber o que pasou e evitalo no futuro”, indicou Pontón, quen considera que  investigar esta catástrofe “merece que os grupos da oposición apostemos por unha comisión de investigación utilizando os instrumentos que nos da o regulamento do Parlamento”.

Por se faltasen argumentos para esa investigación, a imputación do director xeral de Ordenación Forestal durante 17 anos, Tomás Fernández, engade razóns ao cese inmediato “dun dos homes de confianza de Feijóo”. “Preguntamos se o presidente da Xunta mantén esa confianza nunha persoa investigada pola suposta adxudicación irregular do contrato de helicópteros do servizo de extinción”, interpelou Pontón.

Negocio do lume

Unhas irregularidades que foran denunciadas polo Consello de Contas e sobre as que o BNG xa reclamaba en 2015 a realización dunha auditoría “á que a Xunta respondeu con opacidade e ca negativa a que houbese transparencia”. Esta imputación, subliña Pontón, resta argumentos a Feijóo e é unha evidencia máis da necesidade de investigar a xestión da vaga de lumes “e todo o que ten a ver co negocio que se oculta tras o lume”.

 “Ninguén con sombra de dúbida pode seguir a fronte do dispositivo”, recalcou, Tomás Fernández “non pode seguir no cargo” tras a imputación, cando ademais é responsable de moitas das decisións “que teñen convertido Galiza nun polvorín”, como director xeral de Montes durante case dúas décadas, concluíu a portavoz nacional.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG