Ana Pontón pide a Feixóo cambios na política forestal pirómana do PP

Mini Rivas e Ana Pontón
Mini Rivas e Ana Pontón

Pide evitar o rodillo na comisión parlamentaria para impulsar cambios estruturais nunha política forestal “pirómana e ao servizo de ENCE”

Entre as propostas do BNG, retirar 35.000Has de eucalipto ilegais, cumprir as franxas de protección e profesionalizar os equipos de extinción

O BNG fixo balance da Comisión parlamentaria de estudo de incendios e política forestal unha vez finalizada a ronda de comparecencias marcada polo veto do PP a testemuñas clave como a do presidente e vicepresidente da Xunta ou do director da CRTVG e responsable do silencio informativo dos medios públicos tras a vaga de lumes que asolou Galiza en outubro.

“Pese as dramáticas consecuencias deses lumes, nin Feixóo nin ninguén do seu goberno asumiu responsabilidades políticas, nin sequera se desculparon, nin explicaron porque reduciron o dispositivo de loita contra os incendios nun momento de máximo risco”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.

Aos vetos do PP, o portavoz do BNG na comisión, Xosé Luís Rivas, sumou as incomparecencias do delegado do Goberno, da UME e da dirección de ENCE, “nunha total falta de respecto ao Parlamento”, así como un plan de traballo “imposto”. Pese a todo, o deputado considera que houbo comparecencias de expertos, alcaldes e traballadores na loita contra os lumes que fixeron aportacións significativas das que é preciso tomar nota “para mudar o caos forestal actual por unha política de ordenación do monte que manteña vivo o rural”, sintetizou Rivas.

De cara á fase de conclusións que agora se abre, Pontón insta a Feixóo a non aplicar o rodillo e apearse da patraña da “trama incendiaria terrorista como coartada para tapar a súa incompetencia”, e dar un xiro de 180 grados para poñer en marcha unha política de ordenación do monte, desde unha perspectiva multifuncional.

“A pesar do rotundo desmentido da Fiscalía, Feixóo segue erre que erre instalado na mentira da trama incendiaria terrorista para agochar a súa responsabilidade no tráxico balance da vaga de lumes de outubro. Pero temos que dicirlle que unha mentira repetida mil veces, segue a ser unha mentira, e desde a mentira non é posible avanzar na loita contra os incendios”, denunciou a portavoz nacionalista.

Pontón avanzou as principais propostas do BNG para mudar a política forestal do PP “pirómana e marcada polas portas xiratorias de ENCE, que ten convertido o monte nun polvorín”.

Frear a expansión de pirolíticas

En primeiro lugar: Frear a expansión do eucalipto empezando pola recuperación inmediata das 35.000 hectáreas ilegais desta especie plantadas en terras agrarias. O anunciado pola Xunta vai na dirección contraria posto que anuncia máis eucalipto cando a día de hoxe xa duplica a superficie prevista no actual Plan forestal de Galiza aprobado en 1992 cunha planificación a 40 anos, salienta Pontón, “de momento a gran aportación é que actuarán sobre 290 Has das 35.000 ilegais”.

En segundo lugar, o Bloque pide dotación orzamentaria para, en colaboración cos concellos, garantir o cumprimento das franxas de seguridade con infraestruturas e vivendas “fundamental porque está en xogo a seguridade das persoas e, en moitos sitios, o monte entra literalmente nas casas”, argumentou, plan que debe empezarse “polas zonas cualificadas de alto risco en incendios”.

Aprobar o PLADIGA no primeiro trimestre do ano, mudar o dispositivo de loita contra os lumes apostando pola súa profesionalización e mando único e dotar aos concellos dun teléfono exclusivo no que os alcaldes e alcaldesas reciban atención inmediata ante unha emerxencia forman parte tamén das propostas que o Bloque levará á fase de conclusiónS da comisión. “O obxectivo é conseguir un monte ordenado e multifuncional nun rural vivo”, concluíu Pontón.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG