Ana Pontón lembra que Galiza queda fóra dos festexos do AVE tras 25 anos de atrasos e incumprimentos

ANAPONTON FERROL ESTACION TREN2 (1)
  • Reta a Feijóo a facer o percorrido Ferrol-A Coruña en tren, segura de que lle ganaría facendo o mesmo traxecto en bicicleta
  • Cos novos datos de corrupción, advirte que Galiza non está para pagar os favores de Villar Mir ao PP na súa trama de financiamento ilegal

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a visita á estación de tren de Ferrol para destacar que Galiza queda fora dos festexos dos 25 anos da posta en marcha do AVE porque este país aínda segue esperando a chegada da alta velocidade tras décadas de incumprimentos, aprazamentos e discriminación por parte dos sucesivos Gobernos do Estado.

“Galiza non pode sumarse a festa dos 25 anos do AVE porque non o temos e porque ao longo destas décadas o que vimos foron promesas incumpridas, e nestes últimos anos de Goberno de Rajoy novos retrasos e un AVE de segunda no que os novos tramos non son de dobre vía nin están electrificados”, explicou a portavoz do Bloque.

Pero non só a alta velocidade é un futurible previsto para finais de 2019, -se descartar  o enésimo aprazamento-, senón que tamén o servizo ferroviario de proximidade sofre un deterioro que converte en agónico o uso do tren fora da ruta do Eixo atlántico Coruña-Santiago-Vigo.

É o caso da liña Ferrol-A Coruña con trens do século pasado e velocidades que elevan a máis de 90 minutos o traxecto entre ambas cidades. Ironizando, Pontón, retou a Feijóo a facer o traxecto en tren, segura de que ela chegaría antes indo en bicicleta.

“Se hoxe estivese aquí o presidente da Xunta o retaría a que collera o tren en dirección A Coruña e eu collería unha bicicleta na mesma dirección. Estou convencida de que chegaría antes que el viaxando neste tren que non cumpre cos estándares que se requiren, facendo perder oportunidades nesta comarca e convertendo a súa veciñanza en cidadáns de segunda”, salientou desde a estación de tren de Ferrol  cos responsables municipais e comarcais do BNG.

Neste sentido, dixo, os “orzamentos do recortazo” presentados polo Goberno Rajoy son “unha xerra de auga fría” para as expectativas de mellorar as infraestruturas ferroviarias de proximidade, tanto a liña A Coruña-Ferrol como a liña do antigo FEVE Ferrol-Ortegal. “Ferrol é comarca son un exemplo de libro das consecuencias do recortazo nunha infraestrutura vital como a conexión ca Coruña e todo o norte”, indicou.

Pontón instou a Feijóo pida aos deputados e deputadas electas por Galiza, incluída á presidente do Congreso, Ana Pastor, que voten en contra dos orzamentos do recortazo ata que recollan as partidas necesarias para modernizar o ferrocarril. “Levamos décadas esperando mentres outros territorios hoxe celebran 25 anos de AVE. A nós gustaríanos celebrar que somos iguais en dereitos”, recalcou.

Mordidas da conexión PP-Villar Mir

A portavoz nacional do Bloque fixo referencia tamén aos últimos datos publicados que afectan a casos de corrupción do PP, en concreto a aqueles que teñen repercusión en Galiza, como os que afectan ás empresas do Grupo Villar Mir e as súas conexións co financiamento ilegal do partido do goberno.

“Non sei que espera Feijóo para dicirlle a Villar Mir que as centrais eléctricas do Xallas non se venden, porque desde o BNG temos moi claro que Galiza non está para pagarlle as mordidas do PP, nin os favores que lle deba Villar Mir ao PP e viceversa, e pedímoslle que non xogue co futuro de centos de postos de traballo e peche dunha vez esa carpeta da venda ilegal das centrais que pretende Ferroatlántica”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG