Galegas 2016

Ana Pontón: “Impulsaremos unha consellería da mocidade que vertebre políticas de emprego, educación e vivenda”

Encontro coa mocidade no Campus de Compostela
Encontro coa mocidade no Campus de Compostela
  • No encontro con estudantes da Facultade de Comunicación da USC,  a candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón anunciou que o BNG conta cun Plan Retorna destinado á volta da mocidade emigrada, medidas para potenciar o emprendemento e máis recursos para a I+D+i

No transcurso dun encontro, con preto de 200 estudantes, da Facultade de Comunicación da USC, a candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón anunciou que o BNG impulsará unha consellería da Mocidade que vertebre políticas de emprego, educación e vivenda. O obxectivo será, dixo, posibilitar o acceso a un posto de traballo digno ademais de garantir a formación e “unha intermediación para orientar e informar no ámbito laboral para unha mellor empregabilidade” con programas formativos e prácticas remuneradas.

Ademais, a candidata nacionalista afirmou que o BNG, aposta por potenciar o emprendemento para mozos e mozas, crear microcréditos para financiar proxectos de emprego xuvenil e incorporar ao sistema galego da I+D+i a novos e novas investigadores con financiamento estábel.

A preguntas d@s estudantes sobre  política de bolsas, Pontón respondeu que será “unha prioridade” impulsar  as axudas ao estudo en todos os niveis do ensino para asegurar a continuidade no estudo

de calquera estudante, fixando como criterios determinantes a situación económica persoal e o afastamento do lugar de residencia respecto da localidade de estudo.

Encontro coa mocidade no Campus de CompostelaNa súa intervención, a candidata do BNG tamén respondeu a preguntas sobre o papel dos medios de comunicación públicos dos que  dixo, o BNG quere uns medios públicos galegos  “plurais e imparciais” e non ao servizo do goberno e do Partido popular. “ Na televisión galega temos dereito a ver cine e programas de calidade e os medios públicos deben apostar polo talento”, de algunhas e algúns de vós.

Nesta liña criticou que nos medios de comunicación figuren poucas mulleres nas direccións a pesar de existir do gran número de mulleres que traballan neles. A candidata do BNG rexeitou   a “desigualdade laboral” e anunciou que o BNG impulsará medidas reais para rematar con esta situación así como políticas de Igualdade e contra a violencia de xénero.

Entre as inquedanzas d@s estudantes sobresaíron as preguntas relativas ao emprego. Neste sentido, Ana Pontón pronunciouse en contra das reformas laborais e defendeu novamente apostar pola innovación e contra a deslocalización de importantes sectores galegos entre os que destacou a automoción e o audiovisual. “Temos os salarios máis baixos do Estado español, a pesar de traballar máis horas”, esta situación pode mudar despois do 25 de setembro polo que pediu o voto dos mozos e mozas  para garantir un futuro con emprego digno e dereitos laborais.

Ana Pontón respondeu a todas as preguntas sobre as medidas do BNG  contra as   barreiras arquitectónicas das que dixo, “hai que deseñar espazos urbanos dende a accesibilidade”.

O saneamento das rías, a loita contra os incendios, potenciar a lingua e cultura galega ou o ensino en galego foron algunhas das preguntas ás que Pontón respondeu con medidas que o BNG aplicará despois do 25 de setembro.

As alumnas e alumnos tamén se interesaron polas enquisas e sobre este asunto, Ana Pontón amosouse convencida da “remontada do BNG”. A  verdadeira enquisa é a o día 25, apostilou.

Finalmente afirmou que un dos grandes problemas de Galiza é un goberno que nega a realidade e hoxe, explicou, temos a Núñez Feijóo que ao igual que Rajoy “o señor dos hilillos” negou o Prestige, tamén nega o “Prestige da emigración xuvenil ou o Prestige humano dos recortes impostas polo Goberno central e as institucións europeas. Dende o BNG pensamos que Galiza é un país que ten todo por gañar e que a “xente nova ten dereito a soñar e facer realidade as súas esperanzas. Estamos convencidos e convencidas que na próxima lexislatura imos poder poñer en marcha a consellería da mocidade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG