A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón transmitiu “todo o noso cariño e afecto ás familias que hoxe viven un dos momentos máis amargos da súa vida pois perderon a un ser querido polo terríbel atentando de Barcelona”. Todo o noso afecto e apoio nun momento tan duro e difícil, así como desexos de pronta recuperación ás vítimas.
“Hoxe todas e todos somos Barcelona e Cambrils e desde Galiza enviamos a nosa solidariedade, apoio e unha mensaxe clara contra a barbarie e o terrorismo”.
Minutos antes da concentración celebrada no Parlamento galego, a nacionalista manifestou, no seu nome e do BNG a “condena ante o terrorismo e a barbarie” e trasladoulle a todo o pobo catalán que o BNG “está con el”. A resposta, dixo, non pode ser a lei do talión, senón redobrar as nosas conviccións democráticas e traballar para acabar con tanta sinrazón e violencia.
Desde o BNG, recalcou, trasladamos neste momento “o apoio e solidariedade e a nosa disposición a colaborar en todo o que sexa preciso para superar este momento tan difícil. Ante o terrorismo e a barbarie hai que responder con democracia e reforzando principios e valores de solidariedade e a concordia como fórmula para a convivencia, e evitando a criminalización doutras culturas ou crenzas. Iso sería darlles a razón a minoría que opta pola barbarie e a violencia e nunca o imos facer nin permitir.