Ana Pontón: “Feijóo ten nas mocións de censura a súa carta presentación para as próximas Municipais”

Ana Pontón visita Fene
Ana Pontón visita Fene

Apóiase en tránsfugas e en concelleiros investigados por corrupción para sacar de Alcaldía de Fene a un goberno exemplo de xestión a favor da maioría social, denuncia

A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse a Fene para amosar todo o apoio do BNG ao goberno municipal que lidera Juventino Trigo ante a moción de censura presentada polo PP e dous tránsfugas de En Marea baixo a marca local de Somos Fene. Para a dirixente do Bloque, as mocións de censura están a ser a folla de ruta de Feijóo de cara as próximas eleccións municipais.

“Feijóo está amparando unha dobre ilegalidade porque esta  moción de censura se leva a cabo da man de concelleiros do PP investigados por corrupción que queren facerse coa Alcaldía apoiándose en concelleiros tránsfugas. Corrupción e transfuguismo, esa é a carta de presentación do Feijóo para as municipais, un triste exemplo pero tamén un retrato fiel do que representa o PP de Feijóo”, sintetizou.

Pontón, quen fixo un percorrido polo Concello para ver distintas obras en marcha ou executadas polo Executivo local, denunciou os “intereses escuros” que están detrás da moción “coa que se quere desbaratar un goberno que funciona, de portas abertas á veciñanza e que puxo en marcha un novo modelo de facer política no concello”.

Por iso, recalcou, “esta moción de censura non deixa de ser a tarxeta de presentación de Feijóo de cara as próximas eleccións municipais que  se constrúe con mocións de censura que queren tapar a propia corrupción do PP e con pactos contra natura porque non deixa de ser sorprendente que esta moción de censura sexa con dous tránsfugas de En Marea”, alegou Pontón.

A portavoz nacional do Bloque reclama de Feijóo “que non sexa cómplice dunha moción de censura ilexítima que quere ocultar a corrupción do seu partido, por contra, que deixe traballar a actual equipa de goberno que xa ten un recoñecemento social e que se ten convertido nun referente de cambio”, indicou. “Que non entorpeza o labor deste goberno e que lle esixa responsabilidade aos concelleiros populares que están sendo investigado por corrupción”, concluíu.

Pola súa parte, o rexedor Juventino Trigo, salientou que “non hai ningún motivo obxectivo para facer unha moción de censura en Fene porque o concello está funcionando como non o facía desde fai moitos anos”, tras indicar que a falta de consistencia e de rigor dunha moción baseada en intereses partidistas tamén se pon de manifesto no feito de, os promotores, “cada día mudan a  versión que ofrecen para xustificar esta moción”.

“Preséntase por  intereses persoais e partidistas, o que non nos sorprende do PP porque é a súa maneira habitual de traballo”, concluíu o alcalde.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG