Sesión de investidura de Feijóo

Ana Pontón: "Feijóo fixo un discurso continuista, inmobilista... que deixa a Galiza sen esperanza."

  • Para a portavoz do BNG no Parlamento Galego, o “síndrome de Monte Pio” fai que Feijóo viva alonxado da realidade galega
  • En case dúas horas de discurso, Feijóo eludiu falar de violencia de xénero e da lingua

Trala intervención do candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo na sesión plenaria de investidura a Presidente do goberno galego, a portavoz do grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón afirmou estar ante un discurso “autocomplacente, inmobilista e  sen motivos para esperanza para as persoas que seguen padecendo as graves consecuencias desta crise económica”.

A parlamentaria preguntou como Feijoo pode afirmar que imos na mellor dirección cando hai miles de galegos e galegas que non chegan a fin de mes, medrou a pobreza e as desigualdades e temos máis  máis recortes en servizos públicos, dereitos sociais e liberdades públicas”. “O síndrome de Monte Pío”, apostilou Pontón, fai  que Feijóo fai viva alonxado da realidade galega.

Para a portavoz nacionalista, Feijóo está “obsesionado” por defender o actual réxime e status quo, critica o nacionalismo e renuncia a calquera opción para defender os intereses de Galiza así como a posibilidade de  a dar “un paso adiante” para que os galegos e galegos tomemos o control dos nosos recursos, medios económicos e cambio de modelo. Hoxe vivimos un  “déjà vu”, coas mesmas promesas de hai oito e catro anos e os seus incumprimentos. O máis grave, recalcou a nacionalista, é o debuxo dun futuro no que nada pode cambiar polo que volveu preguntar que credibilidade ten Feijóo para falarnos de innovación cando o seu goberno recortou os recursos neste ámbito, que a emigración non é un problema para o seu goberno  ou como vai a garantir mellores servizos públicos cunha administración con menos recursos. As receitas de Feijóo auguran para a portavoz nacionalista, “máis paro, máis desigualdade e menos futuro para Galiza.

Debates ausentes no discurso de Feijóo

A portavoz parlamentaria considerou  que o que máis  une aos galegos e galegas e a súa lingua e hoxe, “Feijóo demostrou non ter intención de enterrar a hacha de guerra contra o galego”.Tivo unha oportunidade para rectificar e poñer en marcha “un grande acordo de país” para que  a nosa lingua progrese porque  a nosa lingua comunícanos co mundo e  forma parte da nosa identidade, só por iso, “debe ser defendida”.

Por outra parte, Ana Pontón criticou que o candidato á presidencia da Xunta eludira falar na súa intervención  dun dos graves problemas da nosa sociedade, “a violencia de xénero”. Neste sentido lembrou que durante os últimos anos en Galiza máis de 55 mulleres foron asasinadas “polo simple feito de seren mulleres” e que durante os gobernos de Feijóo  foron interpostas máis de 40.000 denuncias por esta causa. É un drama polo que non pode pasar de puntillas porque representa un dos principais problemas do noso país e require medidas, solucións e alternativas. “As mulleres temos dereito a vivir sen violencia e queremos un mundo con igualdade, queremos  poder camiñar con seguridade  polas rúas e estar seguras  nas nosas casas”.

Finalmente, a portavoz do BNG reiterou que o discurso de Feijóo foi continuísta e que nos deixa sen esperanza e futuro, “un discurso que nos deixa sen ambición de País porque non cre nunha Galiza que pode conquistar maiores cotas de poder político real”.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG