Ana Pontón defende no Fórum Europa máis poder político para Galiza e o concerto económico

Advirte que a subordinación de Feijóo a Madrid deriva conduce ao país á irrelevancia política, que é “letal” para os intereses dos e das galegas

“Non hai que ter medo a ser independente porque o principal problema político que temos é a dependencia”, argumenta

A portavoz nacional, Ana Pontón, defende máis poder económico e político para Galiza ante os dous grandes debates que están encima da mesa: Financiamento autonómico e modelo de Estado. En ambos retos, a dirixente do Bloque aposta por empoderar Galiza, no financeiro cun concerto económico similar ao de Euskadi e Navarra, e no político con autogoberno real desde o recoñecemento da nación galega, superando o actual marco institucional herdado do réxime do 78.

Concerto económico e Bases Democráticas son pois as propostas do BNG para evitar que Galiza lonxe de avanzar, retroceda.

“Temos dúas alternativas: A de Feijóo converte este país en mero espectador, perdendo o tren ao que outros territorios se van subir para avanzar e prosperar. A alternativa que defende o BNG pasa por converter Galiza en protagonista dun momento histórico decisivo, para evitar perder posicións no político, no económico e no social”, apelou na súa intervención ante as 250 persoas que asistiron a conferencia organizada en Santiago polo Forum Europa.

Pontón advertiu do custe que pagan os e as galegas pola  “subordinación” de Feijóo a Rajoy e polo seu seguidismo da estratexia de recentralización do PP, que fan que cada vez Galiza conte menos no conxunto do Estado.

“A irrelevancia política é a gran ameza para construír un país próspero, cunha economía forte e competitiva, con emprego e salarios decentes, con servizos públicos do século XXI e cunha lingua e cultura fortes”, alegou, tras enumerar algunhas das “elevadas facturas” do entreguismo de Feijóo: Veto a AP9, espolio enerxético, retrasos no AVE, exclusión do corredor atlántico de mercadorías, liquidación do sistema financeiro galego e cero avances en autogoberno.

Para conxurar esta situación, a dirixente nacionalista aposta por ganar cotas de poder económico e político como antídoto contra a perda de status institucional e deixar atrás o lastre da dependencia. “Non temos que ter medo a ser independentes e decidir nós sobre o noso, porque o peor que nos pode pasar é esta relación asimétrica co Estado, unha relación que non é de igualdade, senón de subordinación e de dependencia, e ese problema de dependencia lastra o noso futuro no político, no económico e no social”, argumentou.

A proposta do Bloque en materia de financiamento pasa por un concerto económico que permita a xestión do 100% dos recursos do país, cunha facenda e banca públicas que dean paso a unha fiscalidade xusta, -“porque non se pode permitir que as PEMES tributen ao 25%, mentres as corporacións do IBEX 35 pagan un 5%-, e fagan chegar o crédito a familias e empresas.

Falsa idea de país pobre

“Queremos darlle a volta a situación, quitarlle a chave dos nosos recursos a Montoro para darlla aos galegos e galegas a través do seu Goberno”, explicou, tras criticar a falta de propostas da Xunta neste tema de calado, e incidindo na necesidade de botar por terra “a falsa idea de que Galiza é un país pobre que precisa da solidariedade do Estado”, por contra, “ninguén nos regala nada e aportamos máis do que recibimos”.

En relación ao debate sobre o modelo de Estado, a proposta do BNG está definida nas Bases Democráticas, “para avanzar en soberanía e autogoberno real partindo do recoñecemento pleno da nación galega e camiñar cara unha democracia avanzada e con dereitos”, salientou. Esta proposta pretende ser punto de partida para un debate “sereno” con conxunto da sociedade para definir un novo status institucional “que supere os traxes estreitos da Constitución e do Estatuto”.

Pontón pechou a súa intervención apelando á necesidade de facer política con maiúsculas, “a que representa ideas e proxectos colectivos que queren transformar a realidade”, e proclamando a súa confianza nas capacidades de Galiza apostando “por rachar co centralismo e a subordinación política”.

Conferencia de Ana Pontón no Fórum Europa

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG