Ana Pontón: “Cando queira López Veiga falamos do Porto de Vigo, só ten que fixar día e hora”

Ana Pontón
Ana Pontón

Confía en que a viaxe do presidente da Autoridade portuaria a Alemaña teña resultados, tendo en conta que a escala de cruceiros en Vigo caeu un 33% só en 2018

A portavoz nacional, Ana Pontón, replica ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, a súa disposición inmediata a manter un encontro para abordar a situación do Porto de Vigo, motor económico e de creación de emprego da cidade olívica e da súa comarca, que merece a máxima atención por parte do BNG. “Só ten que fixar día e hora”, indicou a dirixente nacionalista.

A importancia desta infraestrutura, tanto para Vigo como para o conxunto do país, motiva que a líder do Bloque prefira obviar o ton utilizado polo mandatario do porto e aproveitar a reunión para analizar a situación desta infraestrutura, trasladar as proposta do BNG a favor do Porto,  e arroxar luz sobre a opacidade da xestión da actual autoridade portuaria denunciada polos representantes do comité de empresa.

Un encontro no que a representación do cadro de persoal lle transmitiu a súa preocupación pola falta de diálogo e de transparencia do actual presidente, así como pola estratexia privatizadora impulsada por López Veiga que, alegan, está a ter graves consecuencias e que ten a lonxa como próximo obxectivo.

Entre os prexuízos xa ocasionados por esa política de privatización, o descenso do número de escalas de cruceiros que atracan no Porto vigués, de tal xeito que cando a terminal era de xestión directa a cifra de escalas superaba o cento de atraques por ano, mentres que en 2017 esta cifra caeu a 74 e para 2018 o número de escalas programadas é de 67.

Por iso, a dirixente do Bloque confía en que a viaxe do presidente da APV a Alemaña cumpra coas expectativas por el anunciadas para 2019 e permita recuperar os atraques perdidos tras a privatización. Neste sentido, os propios representantes do comité de empresa trasladaban ao BNG a súa preocupación polo custe das viaxes promocionais realizadas por todo o mundo sen que, ata agora, lograsen deter a caída de escalas de cruceiros.

Sumar a favor do Porto

Pontón reitera a total disposición do BNG a sumar a favor do Porto de Vigo líder en descargas de peixe e, para iso, xa puxo sobre a mesa propostas concretas como aproveitar a infraestrutura de Peinador para a exportación por avión de peixe, -e acabar co dislate de que se faga vía Euskadi-, traballar na conectividade por ferrocarril e acabar coa discriminación que soporta por parte do Goberno central, que se traduce en cuestións tan lesivas como a súa exclusión da categoría do porto nodal e do corredor atlántico de mercadorías dentro da Rede Transeuropea de Transportes.

Igualmente, a formación nacionalista aposta pola transferencia a Galiza da xestión deste porto e de todos os que teñen consideración de interese xeral do Estado, para desenvolver unha estratexia coordinada en beneficio dos intereses do país.

“O Bloque sempre vai estar a favor do Porto de Vigo e sobre iso a miña disposición a falar co presidente da autoridade portuaria e con todos os que estean por darlle o trato que merece, en termos de investimentos, infraestruturas, modernización e estratexia”, recalca Pontón.

 

 
 

 

 
 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG