Ana Miranda tomará posesión do seu escano como eurodeputada o 28 de febreiro dentro do grupo Verdes-ALE

Ana Miranda
Ana Miranda

A defensa dos sectores produtivos, a loita contra a precariedade laboral e a defensa de Galiza como nación, entre as prioridades de traballo do BNG en Bruxelas

A ata agora portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, tomará posesión do seu escano como eurodeputada o vindeiro 28 de febreiro e ata fin de lexislatura en maio de 2019, collendo o revelo de Josu Juaristi dentro da coalición Os Pobos Deciden, coa que a formación nacionalista concorreu nos pasados comicios a Eurocámara.

Miranda xa viña desenvolvendo un intenso traballo político no Parlamento europeo en defensa dos intereses de Galiza, coa presentación constante de iniciativas a través da representación da coalición. A modo de exemplo, a batalla ganada para que o sector do xeito non fose incluído na prohibición de redes de arrastre, -dada a súa condición de pesca artesanal-.

Igualmente, o informe emitido pola Comisión Europea en relación ao sinistro do Alvia reclamando do Estado español unha investigación independente da traxedia, froito das xestións do BNG quen, acompañando as vítimas, non cesou no empeño de que Bruxelas tomase cartas no asunto para esclarecer a verdade, esixir responsabilidades políticas e resarcir ás vítimas.

Tamén iniciativas en relación a vaga de lumes ou denunciando a persistencia do espolio do patrimonio do pobo galego por parte dos herdeiros do franquismo, ou a exclusión de Galiza de infraestruturas básicas como o corredor atlántico de mercadorías, entre outros asuntos.

A toma oficial do escano permitirá reforzar a capacidade de actuación política do Bloque para sacar adiante as cuestións que afectan ao país, en particular as vinculadas aos sectores produtivos estratéxicos como pesca ou agricultura, moi dependentes do que marca Bruxelas, en materia de  medioambiente, co saneamento integral das rías aínda pendente, a cuestión de ENCE, a eucaliptización do país, ou a ampliación da Rede natura en Galiza.

Igualmente, facer fronte aos tratados comerciais neoliberais, -como o TTIP-, de impacto moi negativo para os intereses galegos, reivindicar a posición de Galiza como nación sen estado, así como a denuncia da involución democrática no Estado español co recorte de liberdades que supón a chama Lei mordaza. E todo sen perder de vista a solidariedade con outros pobos do mundo e reivindicando unha política de asilo e acollida de refuxiados digna de tal nome.

Como eurodeputada do BNG, Ana Miranda ocupara os seu escano dentro do Grupo Verdes-Alianza Libre Europea/ALE, tendo en conta que o Bloque forma parte desde 2004 da ALE, -formación política europea que integra a forzas nacionalistas, e dando continuidade a traxectoria de traballo que o BNG leva desenvolvendo dentro deste Grupo parlamentario da Eurocámara.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG