Ana Miranda fará folga o vindeiro 8 de marzo e doará o salario dese día ao colectivo feminista Galegas 8M

Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez

A eurodeputada do BNG desenvolve esta iniciativa xunto a deputada galesa Jill Evans

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, anunciou hoxe que se suma á folga internacional feminista que se celebrará o vindeiro día 8, coincidindo co Día Internacional das Mulleres. Avanzou asemade que, xunto a europarlamentaria galesa Jill Evans, tamén da agrupación Verdes-ALE, doarán os ingresos correspondentes a esa xornada laboral a colectivos feministas organizadores da folga.

“Temos que seguir loitando pola igualdade real. Estamos no longo camiño do empoderamento da muller e temos que seguir avanzando”, subliñou Miranda, quen coincide en afirmar cos colectivos organizadores da folga internacional en que “se as mulleres paramos, párase o mundo”.

Deste xeito, a eurodeputada do Bloque considera necesario facer visible o que supón que as mulleres decidan facer unha folga laboral, de coidados e de consumo, tendo en conta as diferencias salariais e sobrecarga de tarefas de coidados que soportan diariamente.

En concreto, Ana Miranda doará os seus ingresos correspondentes ao 8 de marzo á Asemblea Galegas 8M, entidade que aglutina a múltiples colectivos feministas galegos, e que ten un papel primordial na organización da mobilización neste 8 de marzo.

Por outro lado, a eurodeputada salienta a corresponsabilidade dos homes no éxito da folga do 8M, realizando as tarefas de coidados, difundindo as convocatorias, facilitando que as mulleres secunden os paros nos postos de traballo ou cedendo todo o protagonismo nos espazos públicos e privados ás mulleres, entre outras posibilidades.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG