O alcalde de Xermade terá que devolver máis de 20.000 euros de salario cobrados irregularmente

Candidatura BNG Xermade
Candidatura BNG Xermade

Para o BNG “esta sentencia demostra que tiñamos razón cando dixemos que o alcalde non podía cobrar 22.400 € anuais do concello ademais do seu salario como funcionario”

Unha sentencia deixa sen efecto o recurso presentado polo alcalde socialista que pretendía cobrar o salario que xa lle fora retirado polo Pleno en xuño de 2016

No pleno celebrado no Concello de Xermade no día de hoxe deuse conta da Sentenza ditada polo Xulgado Contencioso-Administrativo nº 2 de Lugo que deixa sen efecto o recurso presentado polo alcalde socialista que pretendía cobrar o salario que xa lle fora retirado polo Pleno en xuño de 2016. O voceiro do BNG en Xermade, Oscar González Pardo, lembrou que “o alcalde asignouse un salario anual de 22.400 € cando chegou á alcaldía en xullo de 2015 sen renunciar ao seu salario como funcionario público” e engadiu “esta sentencia demostra que tiñamos razón cando dixemos que o alcalde non podía cobrar 22.400 € do concello ademais do seu salario como funcionario”.

A xustiza dalle a razón ao BNG de Xermade e o Alcalde terá que devolver uns 20.000 € de salario cobrado ilegalmente. O Alcalde socialista de Xermade, con goberno en minoría, cobrou 11 mensualidades entre a toma de posesión, en xullo de 2015, e o Pleno no que foi aprobada a emenda presentada polo BNG, xuño de 2016, na que se solicitaba: a anulación do acordo plenario no que se aprobou a asignación salarial e a devolución integra do cobrado por ser un acordo irregular e non axustado á lei.

En xullo de 2015, despois da toma de posesión, o PSOE apoiou un salario de 22.400 euros brutos anuais para o alcalde, correspondentes a una dedicación parcial e repartidos en 14 pagas. O BNG, sen embargo, considerou que existían irregularidades nos cuadrantes de horarios presentados polo alcalde que ten unha actividade profesional como axente forestal na Xunta de Galiza. O BNG presentou unha emenda no Pleno celebrado en xuño de 2016 a raíz da cal o alcalde socialista deixou de percibir a asignación municipal. A actual sentencia invalida a posibilidade de que o alcalde poida percibir retribucións salariais do concello e obrígao ao devolver os máis de 20.000 euros percibidos entre xullo de 2015 e xuño de 2016.

O voceiro do BNG explicou que “a sentencia reafirma a emenda que presentou o BNG e que aprobou o pleno, na que considerabamos con base legal, que non se axustaba a dereito o acordo plenario de xullo de 2015 no que se poñía unha percepción salarial do alcalde e ao mesmo tempo seguía cobrando o seu salario íntegro”. O voceiro do BNG  aclarou tamén que “este salario que cobraba do concello era a maiores do que está a percibir polo seu traballo de funcionario, ao cal nin renunciou nin solicitou ningunha dedicación parcial co cal a súa xornada diaria, de cumprila, sería superior ás 13 horas diarias, e esto suporía un salario a conta dos contribuíntes de máis de 50.000€ (28.500 € de funcionario + 22.400 € de Alcalde)”

Máis de 100.000 euros para o Concello de Xermade

“Dende o BNG valoramos positivamente esta sentenza que non só nos dá a razón senón que ademais reafirma a obriga de devolver o cobrado irregularmente, 11 meses, algo de moitísima importancia nun concello en que se lle di á veciñanza que non hai cartos para solucionar os problemas nas estradas ou nos servizos” afirmou Oscar González que cuantificou o que o alcalde se adxudicara como salario irregular en máis de 100.000 €. González engadiu que “curiosamente durante estes anos seguiuse deixando esta partida incluída nos orzamentos municipais así que ben se podían aproveitar eses cartos para solucionar os problemas de acceso ás vivendas pois hai estradas que son impracticables”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG