Resultado económico da campaña das eleccións Galegas 2016

Resultado económico da campaña das eleccións Galegas 2016

A Executiva Nacional do BNG acordou trasladar a toda a militancia o informe económico correspondente á campaña das pasadas eleccións galegas do 25 de setembro de 2016. A continuación, esta información pasará a ser pública, pendurándose da páxina web oficial do BNG.

O gasto total realizado en campaña foi de 333.471,77 euros, dos que 65.789,27 se corresponden con gastos efectuados polas diferentes comarcas no seu ámbito.
Así, o gasto nacional de campaña foi de 267.782,50 euros.

Os ingresos para enfrontar os gastos efectuados, procederon de:

a) A cota extraordinaria conxunta (para eleccións xerais e galegas) entre militantes.
b) Doazóns de militantes e simpatizantes.
c) Fondos propios do BNG.
d) Anticipo electoral ao que tiña dereito o BNG en función dos resultados das anteriores eleccións galegas de 2012.
e) Foi preciso tamén, co fin de aboar os gastos derivados da confección e distribución do correo masivo (mailing) subscribir unha póliza de crédito específica por un valor de 100.000 euros. Este gasto do mailing será integramente cuberto cando sexa aboada a subvención electoral á que temos dereito en función dos resultados obtidos, que se recibirá unha vez o Consello de Contas fiscalice oficialmente a contabilidade electoral. Daquela, esta póliza de crédito non inflúe na contía da débeda que o BNG ten a medio e longo prazo, que seguirá a se reducir nos vindeiros anos.

A día de hoxe, están xa pagos e debidamente xustificados todos os gastos ocasionados. Foron os seguintes:

Gastos nacionais de campaña (21% IVE incluído)

Correo masivo (“mailing”): Impresión e distribución de sobres, papeletas e dípticos.
113.084,55
Publicidade en medios de comunicación e redes sociais
37.454,27
Gastos varios (bridas, intérpretes linguaxe de signos para actos nacionais, etc.)
2.797,91
Publicidade exterior (bandeirolas, PVC's, faixas, valados)
78.178,35
Imprenta (cartaces en diversos modelos, revista)
18.709,30
Alugueiros (espazos para actos nacionais, furgonetas)
6.730,04
Produción actos nacionais e mediáticos (montaxe, iluminación, son, etc.)
46.175,37
Escenografías (lonas de fondo para actos nacionais, cubos, roll-ups, etc.)
2.986,28
Deseño de todos os materiais de campaña
15.116,00
Material audiovisual
6.739,70
Gastos financieiros (formalización da póliza de crédito e xuros durante un ano)
5.500,00
TOTAL
333.471,77
GASTO NACIONAL
267.682,50
GASTO COMARCAS
65.789,27

 

Entre as actuacións que provocaron un aforro significativo nesta campaña, destacamos as seguintes:

  • Suprimíronse os envíos por transporte e/ou mensaxería. Compañeiras e compañeiros de cada unha das comarcas desprazáronse a Compostela para recoller o material de campaña, trasladalo ás súas comarcas e logo distribuílo en cada localidade.
  • Non se contratou a nivel nacional ningunha empresa para a colocación de material de propaganda en farolas (PVC's), pontes ou rúas (faixas).
  • Aproveitouse material de propaganda xenérica procedente doutras campañas das diferentes comarcas, reutilizándoo.
  • Non se pagaron dietas nin desprazamentos ás persoas que interviron en actos políticos, nin tampouco se contrataron persoas condutoras para ese cometido. Contouse para este labor exclusivamente coa colaboración militante.
  • Non se contratou ningunha empresa para apoiar o traballo en redes sociais. O que se fixo neste ámbito cabe vinculalo en exclusiva á capacidade de iniciativa, creatividade e imaxinación das nosas compañeiras e compañeiros.
  • Non se contrataron inserimentos publicitarios na imprensa escrita, agás no semanario “Sermos Galiza” e na revista “Luzes da Galiza”. Os gastos en materia de medios de comunicación teñen a ver con cuñas radiofónicas, bánners e publicidade en redes sociais.
  • Compañeiras e compañeiros que colaboraron na composición e interpretación de audiovisuais e temas musicais fixérono gratuitamente e cederon os seus dereitos de autor/a ao BNG.

Aproveitamos para reiterar o agradecemento e recoñecemento da Executiva Nacional do BNG a toda a militancia e simpatizantes polo extraordinario traballo desenvolvido nesta campaña.