DECLARACIÓN INTERNACIONAL

Os pobos de Europa ante os tratados de libre comercio

Os pobos de Europa ante os tratados de libre comercio

Queremos alzar a nosa voz desde Europa para manifestar que os acordos de Organización Mundial do Comercio e os Tratados de Libre Comercio negociados tamén pola Unión Europea responden a unha lóxica contraria aos intereses das nacións sen estado, permitindo ás corporacións transnacionais e aos conglomerados financeiros contaren cun sistema de control económico que perpetúa legalmente o seu poder e os seus privilexios en detrimento da protección e da promoción dos intereses dos nosos Pobos.

Consideramos que o dogma do libre comercio revela como única verdade o enriquecemento gradual das persoas máis ricas e o correlativo empobrecemento de todas as demais que conformamos a humanidade desde a realidade plural e diversa dos nosos Pobos, ao quedaren supeditas a democracia e a soberanía a un fanatismo economicista que só conduce á destrución dos nosos recursos e ao retroceso inédito nos nosos dereitos económicos, sociais, alimentarios, ambientais e culturais máis elementais e á sistemática xeira de privatizacións e depredacións do Público.

Avogamos por unhas relacións comerciais internacionais xustas, baseadas no beneficio mutuo e cimentadas na aposta democrática do dereito a decidir dos Pobos, en que o comercio non sexa considerado un fin en si mesmo senón un medio para que os nosos Pobos poidan vivir dos seus recursos, garantindo o benestar social co seu uso equitativo, responsábel e sustentábel.

Manifestamos a nosa vontade de continuarmos en unión cos Pobos do mundo para a formación dun contrapoder fronte ao actual modelo económico globalizado, que invade e determina coa súa irracionalidade a maioría dos acontecementos e espazos sociais da convivencia humana, consagrando a dominación actual das corporacións transnacionais e a supervivencia dun planeta viábel para as xeracións actuais e vindeiras.

Proclamamos o dereito que nos asiste como nacións a decidir libre e democraticamente por nós todo o relativo a calquera proposta de inclusión ou relación dos nosos pobos en calquera tratado multinacional de libre comercio que pretenda ser subscrito por parte do estados dos que hoxe formamos parte.

E seguiremos traballando en Europa por un mundo baseado na soberanía dos Pobos, desde o internacionalismo que supón a fraternidade, a solidariedade, a paz, a cooperación e o respecto mutuo como principios básicos das nosas relacións, porque outro mundo si é posíbel, mais este outro mundo só é posíbel recoñecendo que todos os Pobos somos iguais e que temos dereito a decidir para lograrmos a nosa emancipación desde a xustiza social e a sustentabilidade ecolóxica.


 

Bloque Nacionalista Galego – Galiza

EH Bildu – Euskal Herria

Esquerra republicana de Catalunya - Catalunya

Sinn Féin – Éire

Unvaniezh Demokratel Breizh – Breizh

Ecolo - Wallonie