Xosé Luís Rivas “Mini”: “Hai que recuperar as terras agrarias forestadas ilegalmente”

Xosé Luís Rivas (Mini)
Xosé Luís Rivas (Mini)

Critica a vocación forestal do novo  Plan da Xunta e reclama poñer en marcha un Plan Extraordinario de recuperación económica das zonas afectadas polos lumes.

O deputado, Xosé Luís Rivas defendeu hoxe unha moción para poñer en valor o monte a través de diversas propostas e reivindicou un  “un cambio” na  política forestal da Xunta, a todas luces, “fracasada e errática”.

Na súa intervención asegurou que o  Plan Forestal que se está xestando, condicionará e definirá a política de montes para o  futuro pero as   directrices aprobadas para a revisión deste Plano Forestal de Galicia veñen definidas por un uso dos montes “prioritariamente forestal” sobre todo de eucalipto e piñeiro e un intento  de “usurpación dos montes veciñais”.

Ante isto, dixo, é preciso cambiar de políticas porque  todos estamos dacordo en que o monte precisa superar a atomización da propiedade e o único remedio asumible pola poboación é unha xestión colectiva,  desenvolvamos pois “as UXFOR outra vez poñendo o empeño en cartos e en medios humanos”.

Ademais, o nacionalista reclamou “recuperar as terras agrarias ilegalmente forestadas” e poñer en marcha un plan extraordinario para recuperar economicamente as zonas afectadas polos recentes incendios.

Rivas criticou que a reactivación económica do Partido popular pase exclusivamente  polo capitalismo e o mandato do mercado, contra isto, reseñou, é preciso “iniciar unha política a favor das xentes do rural deste País e un  proxecto de rural no contexto galego”.

PROPOSTAS DO BNG CARA UN NOVO PLAN FORESTAL

Entre as medidas para impulsar a xestión do monte propuxo elaborar  un Plan de xestión da biomasa nas franxas de protección de núcleos, recuperando os convenios de colaboración cos concellos e  establecendo un plan de vixilancia para garantir o  seu cumprimento. Modificar as  liñas de axudas de prevención e de defensa contra os lumes forestais, destinadas a titulares dos montes, engadindo os as seguintes apartados: “Seren aprobadas no mes de marzo e executados os traballos de prevención a máis tardar o 30 de xuño. Que os traballos  subvencionados se poidan facer de xeito manual ou mecanizado e  realizados por empresas e  persoal contratado polas comunidades de montes”.

Ademais, nas   accións de forestación ou de reforestación, as masas forestais monoespecíficas non poderán ter unha superficie continua superior a 50 hectáreas, debendo ser compartimentadas, alternativamente cara á prevención e ordenación.

Nesta liña, considerou imprescindible  aprobar o  Pladiga no mes de febreiro para poder desenvolver  tarefas de prevención antes do período de máximo risco.

Na última vaga de lumes, concellos coma o das Neves, lembrou  o nacionalista,  quedou desarborado coas infraestruturas básicas destruídas  e necesitando  de accións de axuda en profundidade. “As miserentas e vergoñentas axudas do Estado e da Xunta son unha burla e con cantidades   non chegan á décima parte e  son un insulto a dor das persoas  que sufriron a traxedia”, denunciou.

A reformulación  do dispositivo de incendios depende  da Xunta  e pasa por darlle máis  dimensión, estabilidade, homoxeneidade e formación. As brigadas municipais deben ser  suprimidas e acadar un “mando único” na procura dunha maior eficacia, concluíu

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG