Violencia machista e novo modelo de financiamento para Galiza, prioridades do BNG no último pleno de 2016

Ana Pontón
Ana Pontón
Violencia machista e novo modelo de financiamento para Galiza, prioridades do BNG no último pleno de 2016
  • Ana Pontón en relación aos asasinatos de mulleres: “Temos que asumir con realismo que o feito ata agora non funciona”. Propón un gran pacto con plasmación orzamentaria

A loita contra a violencia machista e un novo modelo de financiamento para Galiza serán as prioridades que o BNG abordará no último pleno parlamentario do ano, en forma de interpelación ao Goberno da Xunta e de pregunta de control ao xefe do Executivo galego.

“Os asasinatos machistas non se solucionan nin con minutos de silencio, nin con lazos nas solapas”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras a reunión da Mesa da Cámara. “Temos que asumir con realismo que o que se fixo ata agora é insuficiente, que en algúns casos, non se está aplicando a lei, e noutros non está funciona, haberá que asumir con responsabilidade facer algo máis para acabar cos asasinatos machistas”, explicou.

Esta ineficacia na loita contra o terrorismo machista ten cifras reveladoras. Catro de cada dez mulleres que solicitaron unha orde de protección non a conseguiron e case a metade das asasinadas por violencia de xénero no conxunto do Estado tiñan unha orde de protección “que non serviu para nada”, -subliñou Pontón-. E, ademais, aumenta a violencia entre a mocidade.

Neste contexto, o BNG considera inexplicable que o Goberno galego non trouxera ningunha iniciativa á Cámara nin fomentara ningún debate. “Podemos acabar coa violencia de xénero se o convertemos en prioridade política”, indicou, tras avanzar que o Bloque vai propoñer un gran pacto galego contra a violencia machista con plasmación orzamentaria.

Pontón propón facer unha “revisión a fondo” dos protocolos, medidas de coeducación real e que se aposte pola igualdade en todos os ámbitos. “O que hai non funciona, é evidente”, concluíu.

Conferencia de presidentes

A dirixente do Bloque interpelará ao presidente galego sobre as razóns que o levan a defender un concerto económico para Cataluña pero non no país.  Con esa actitude vai conseguir “que Galiza quede atrás marxinada e relegada no ámbito das nacións” no debate do futuro modelo de financiamento autonómico, “mentres Euskadi xa ten o concerto económico desde hai décadas e todo parece indicar que Cataluña vai conseguir o mesmo”, advertiu Pontón.

“Imos esixirlle a Feijóo que abandone as posicións do centralismo do PP que impón un modelo de financiamento insuficiente e inxusto, e que aposte por un concerto económico que nos dote dos recursos para crear emprego e blindar os servizos sociais, desde a progresividade fiscal”.

No último pleno deste período de sesións, o Bloque tamén abordará o enésimo retraso na chegada do AVE a Galiza, -ademais de convertelo nunha infraestrutura de segunda ao carecer de dobre vía, o que afectará ao servizos, ás frecuencias e a seguridade-. Igualmente, o incumprido compromiso do PP de sacar ELNOSA de Lourizán, e a repercusión da LOMCE no uso do galego no ensino, coa proposta de darlle á lingua do país as mesma carga lectiva que ao castelán, serán propostas parlamentarias do BNG no vindeiro pleno.