Contra a violencia machista non chega con poñerse un lazo, hai que adicar o 1% do orzamento da Xunta para combatela

Noa Presas e Ana Pontón
Noa Presas e Ana Pontón
Contra a violencia machista non chega con poñerse un lazo, hai que adicar o 1% do orzamento da Xunta para combatela
  • Lanza a campaña nacional do 25N baixo o lema 365 Días contra todas as violencias: visibilizar, denunciar, erradicar
  • “Case a metade das mulleres asasinadas tiñan orden de afastamento, os medios son insuficientes e están fallando”, advirte Pontón

O BNG presentou a campaña que desenvolverá por todo o país con motivo da celebración do 25N baixo o lema 365 Días contra todas as violencias: visibilizar, denunciar, erradicar e, por boca da portavoz nacional, Ana Pontón, propón un acordo galego contra a violencia machista que inclúa a todas as forzas políticas e aos colectivos sociais que loitan contra esta lacra.

E pon sobre a mesa unha medida de aplicación inmediata nos orzamentos de 2017: destinar o 1% das contas públicas a financiar políticas de igualdade e de loita contra a violencia de xénero, o que suporía pasar dos 11 millóns de euros actuais a un mínimo de 90 millóns de euros.

“Se realmente temos un goberno comprometido nesta loita ten que plasmarse nos orzamentos”, salientou a responsable de Acción feminista e deputada Noa Presas, “porque hoxe os gastos de mantemento da Cidade da Cultura son superiores ao que se destina a igualdade e protección das mulleres”. Presas subliñou a importancia do papel dos concellos e avogou pola actualización de protocolos a través da Fegamp.

Segundo a ONU, o 70% das mulleres sofren algún tipo de violencia de xénero ao longo da súa vida e só en Europa en 2015, 25 millóns de mulleres foron vítimas de algún tipo de agresión.

A portavoz nacionalista fai un chamamento a considerar esta cuestión como prioridade política, -”desde o BNG tendemos a man para situar nun primeiro plano este problema social”-, e admitir que “non se está a facer o suficiente” para erradicar a violencia de xénero.

“Temos que ter a humildade e a coraxe de admitir que algo falla cando case a metade das asasinadas o pasado ano tiñan orden de denuncia”, indicou, “polo que as medidas xudiciais e policiais que activa unha denuncia non garante a vida das mulleres”. Pontón insta a unha reflexión “serena” porque os medios “son insuficientes e están fallando, o que nos obrigan a repensar o que se está facendo”.

Dentro deste “acordo galego” contra a violencia de xénero, o BNG propón as seguintes cuestións “clave”.

Xulgados específicos nas cidades

En primeiro lugar, reformar a lexislación galega para incluír o termo feminicidio e desenvolver un estatuto de protección da vítima. Mellorar todos os dispositivos de atención, desde o aspecto psicolóxico ao laboral e en terceiro lugar fixar un calendario para dotar de xulgados específicos en 2017 polo menos a todas as cidades galegas.

Igualmente, establecer unha mesa sectorial do ensino para elaborar unha lei de co-educación ante a persistencia de actitudes machistas entre a xente moza. Ademais, urxe abordar a violencia económica que soportan as mulleres, ante a que propón excluír da contratación pública ás empresas que practiquen a discriminación salarial e elaborar un informe bianual da situación de xénero. E, en canto aos recursos públicos, adicar como mínimo o 1% dos orzamentos a políticas de igualdade.

Non chegan os lazos

“Debe ser unha prioridade garantir á mulleres o dereito a vivir en liberdade. Non chega con poñerse un lazo rosa o 25N, sen recursos e sen vontade política é imposible cambiar nada”, salientou Pontón, quen fixo un recoñecemento expreso do traballo do feminismo organizado.

A dirixente nacionalista considera que a violencia de xénero “nunca foi unha prioridade” para o goberno de Feijóo, e citou como exemplo que, aínda a día de hoxe, as vítimas teñan que compartir espazo con agresores na administración de xustiza.

“Esta na lei pero non na realidade dos xulgados, onde as mulleres che din que é un horror sentarse nunha sala a agardar enfronte do seu agresor. Que non haxa esas salas diferenciadas é un problema de vontade política”. Por iso, Pontón confía en que esta “non sexa unha nova lexislatura perdida” en materia de loita contra o terrorismo machista.

En Galiza, ademais da violencia extrema que deixou 8 asasinadas, o pasado ano producíronse máis de 5.000 denuncias, a punta do iceberg porque 7 de cada dez non presenta denuncia- No último informe da Xunta no que se recolle que o 25% das mulleres de entre 16-19 anos ve normal que a súa parella lle controle as relacións persoais ou o feito de que un terzo dos rapaces de entre 12 e 24 anos consideran ás vítimas responsables da agresión.