Valoración do BNG dos últimos datos do paro na Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón
  • Á luz dos últimos datos do paro na Galiza, Ana Pontón pídelle a Feijóo que reflexione antes de enviar os orzamentos da Xunta ao Parlamento Galego
  • A portavoz do BNG pide ao Executivo que asuma a “ineficacia” das súas políticas en materia de emprego

A portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, instou ao goberno da Xunta “a que reflexione” sobre a proposta de orzamentos que mañá vai remitir ao Parlamento tendo en conta o último dato de paro rexistrado de novembro, o segundo máis alto de todo o Estado. “Polo que coñecemos non son as contas públicas pensadas para reactivar a economía e crear emprego, cando debería ser unha prioridade”, indicou.

Para a nacionalista, os datos publicados hoxe constatan a “ineficacia” das políticas laborais do Goberno do PP e son cifras que confirman o aumento de persoas desempregadas en Galiza a respecto do conxunto do Estado.

O incremento de 4.614 persoas desempregadas en novembro  en relación ao   mes de outubro coloca a Galiza con 203.554 persoas sen emprego, situación que cualificou de “moi grave”  e que incide na precarización do traballo.

Ana Pontón lembrou que dende o ano 2009, Galiza vive unha “sangría” de xente moza obrigada a emigrar por falta de oportunidades no seu país provocando unha evolución negativa para os sectores produtivos e o máis competitivos.

Por outro lado, tamén criticou que a metade dos parados e paradas en Galiza xa non reciban ningunha prestación por desemprego rexistrando, mesmo, “un gran número de familias na que todos os seus membros están no paro”.

A parlamentaria do BNG reclama do Goberno galego un “cambio de rumbo” para  iniciar políticas de emprego que sexan verdadeiramente efectivas para o desenvolvemento económico dos sectores produtivos, así como incrementar os recursos para I+d+i co fin de seren máis competitivos e xerar postos de traballo.

 


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG