Urxe unha posición de país a favor do sector naval de Ferrolterra para evitar novos axustes por parte de Navantia

Reunión cos representantes dos traballadores de Navantia
Reunión cos representantes dos traballadores de Navantia

En relación ás corbetas de Arabia Saudí: “Vai haber buques e onde recaerá a carga de traballo, aquí ou en Cádiz? Son as preguntas clave, o resto é facernos trampas ao solitario con polémicas artificiosas”

Urxe unha posición de país a favor do sector naval de Ferrolterra para evitar novos axustes por parte de Navantia

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu en Ferrol deseñar unha posición de país en defensa do sector naval, estratéxico para a comarca de Ferrolterra e, como iniciativa urxente, o BNG reclamará na Cámara toda a información sobre o plan estratéxico deseñado con total opacidade pola dirección de Navantia, -o coñecido como Documento de Traballo sobre o Futuro de Navantia 2014-2018-.

“O primeiro que que imos reclamar é ter toda a información en relación con este documento, temos que aclarar se se trata dun plan estratéxico para darlle un futuro ao naval ou un novo plan de axuste, unha nova reconversión encuberta para o naval de Ferrolterra”, salientou Pontón, tras a súa reunión con representantes do comité de empresa de Navantia, na que tamén participaou a portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, e o deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas.

Reunión cos representantes dos traballadores de NavantiaPara a dirixente nacionalista “é importante que haxa unha posición de país, que sexamos militantes de Galiza para defender que ese plan supoña futuro para os centros de produción e para o emprego”, subliñou, ao tempo que se pregunta se o Goberno galego coñece o documento elaborado pola dirección de Navantia en Madrid, “fronte a ese plan, como galegos e galegas, deberíamos ter unha proposta de país”.

A portavoz do Bloque considera que o naval de Ferrolterra “é un exemplo de libro” de como o presidente da Xunta usa a propaganda. “Fai catro anos dixo que sería a lexislatura do naval, dixo que Pemex renovaría a súa frota nos estaleiros galegos, mesmo que Punta Langosteira sería a base loxística desta multinacional en Europa. Polo camiño desta propaganda o sector naval perdeu 8.000 empregos no conxunto do sector no país”, lamentou.

Pontón criticou os incumprimentos co sector, empezando pola Lei de fomento do sector naval aprobada en 2010 e que, entre outras cuestións sen executar, contemplaba a entrada da Xunta no consello de administración de Navantia. “Nin Núñez Feijóo, nin o PP poden estar por riba da lei, a do naval leva anos de incumprimento”, denunciou.

Entre as cuestións que o BNG defenderá no Parlamento está a consecución de carga de traballo para os centros de produción de Fene e Ferrol, “que sexa efectivo o levantamento do veto da construción naval civil, que sexa unha realidade e non unha mera noticia”. Neste sentido, a formación nacionalista aposta pola descentralización da xestión, trasladando a Galiza a dos estaleiros da comarca, especialmente nas áreas estratéxicas de enxeñería, departamento de compras e departamento comercial.

Reunión cos representantes dos traballadores de NavantiaOutro aspecto clave no que BNG concorda cos representantes dos traballadores e a ampliación e renovación do cadro de persoal coa incorporación de xente moza, ante a elevada media de idade arredor dos 55 anos, ademais de facer unha aposta estratéxica polo I+D+i e a actualización das instalacións dos estaleiros.

Pontón considera que ten que ser desde Galiza onde se deseñe, coa participación de todas as partes implicadas, -empresa, traballadores e administración-, un verdadeiro plan estratéxico para os centros de produción de Navantia na comarca. “Temos que ter unha posición como país para que non se repita a historia das últimas décadas, nas que claramente o sector foi traizoado polos diferentes gobernos do Estado”, indicou Pontón.

Corbertas de Arabia Saudí

Preguntada pola a visita de Felipe VI a Arabia Saudí, coa suposta inclusión dunha negociación da construción de corbertas, a líder do BNG rexeitou entrar no que considera polémicas estériles. “Estase polemizando sobre uns buques que aínda non existen e se finalmente se concreta algún pedido, onde se construirían, en Cádiz ou en Galiza? O BNG teno claro, pero que van defender as forzas estatais, que a carga de traballo vaia para Cádiz ou para Ferrolterra?”.

Para Pontón hai dúas preguntas clave. “A primeira. Vai haber buques? A segunda, se se concretan a carga de traballo virá para aquí ou para Cádiz? O resto é facernos trampas ao solitario con polémicas artificiosas. A min se me pregunta, dígolle que o ideal sería que os estaleiros de Ferrol e Fene e as auxiliares tiveran plena carga de traballo con construción naval civil, porque estou en contra das guerras”, concluíu.