Trato de favor reincidente do SERGAS por contratar á mesma empresa que incumpriu o anterior contrato

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado tacha de “corrupción” contratar unha empresa  de mantemento á que a Administración reclama cantidades económicas por incumprimento de servizos 

Prado afirma  que “hai  corrupción a través do DOG” e pede  ao PP que non siga “encubrindo” a este tipo de empresa

A deputada do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta ao goberno ante a nova contratación a empresa de mantemento Ibérica S.A despois de ter incumprido o contrato na adxudicación do ano 2013 polo que a administración lle ten reclamado diversas cantidades económicas.

Para a deputada do BNG, o SEGAS mantén “un trato de favor reincidente” e inxustificable. Contratar novamente a esta empresa, afirmou Prado, é “corrupción” e dende o BNG seguiremos denunciando estas irregularidades.

“Hai  corrupción a través do DOG”, denunciou a parlamentaria  quen  lamentou que o PP “encubran a este tipo de empresas” polo que pediu “decencia” e que o SERGAS rescinda o contrato.

A nacionalista volveu a preguntar como se xustifica que o Sergas lle adxudique novos contratos a unha empresa á que o propio organismo lle reclama cantidades e cualificou de “despilfarro” externalizar servizos mentres o persoal do propio SERGAS é baleirado de funcións sistematicamente.

IBERICA INCUMPRE UN CONTRATO DE 34 M€

Prado explicou que  o 30 de novembro do ano 2016 rematou o contrato adxudicado en xuño de 2013 pola Xunta de Galiza a Ibérica de Mantenimiento S.A, para o servizo de mantemento integral de equipamento electromédico e outro equipamento, que se fixo por un importe aproximado de 34 millóns de euros.

Con esta adxudicación o Sergas puxo en mans privadas o mantemento de todo tipo de aparataxe, incluídos servizos críticos e vitais como os quirófanos, UCIS, urxencias, radiodiagnóstico, autoclaves, bombas de infusión, respiradores, incubadoras, ventosas fetais, monitores, detectores de illamentos, esterilizadores, respiradores, mesas cirúrxicas, desfibriladores... Todo o aparataxe destinado a  diagnosticar e tratar aos doentes.

“Desde a privatización do servizo de electromedicina foron reiteras as denuncias do deterioro, até límites de por en risco a asistencia sanitaria, da prestación do servizo que por parte da empresa concesionaria realiza nos centros” dixo a nacionalista.

O Bloque Nacionalista Galego denunciou en reiteradas ocasións esta  situación a través de diversas iniciativas  reclamando unha rectificación da Consellería de Sanidade. Por outra parte,  os traballadores e traballadoras e responsábeis dos centros sanitarios, realizaron denuncias das deficiencias na electromedicina,  risco na asistencia, e a anulación e suspensión de probas diagnósticas por non ter os equipos reparados. Tamén hai constancia, engadiu,  que os  técnicos e técnicas  de diferentes centros sanitarios do Sergas emitiron informes desfavorábeis sobre o traballo desenvolvido pola empresa adxudicataria así como de  sistemáticos incumprimentos das condicións do  contrato.

Para a deputada, as  privatizacións da  Xunta  teñen un único obxectivo,   “desmantelar un servizo público que funcionaba perfectamente”, reducir custes, profesionais cualificados  que coñecían o estado dos equipos e das instalacións. Ante isto, “o SERGAS preferiu negociar cunha empresa que non cumpriu co contrato”.

Resulta moi  difícil  entender como o Goberno galego, tras detectar  as evidentes irregularidades da empresa, volve a adxudicarlle un servizo que o propio Consello de Contas cuestionou no seu informe.

A deputada recalcou que o SERGAS ten retidas partidas económicas  ao non seren xustificados algúns servizos e mesmo reclamou as cantidades pagadas por servizos non realizados polo que preguntou, outra vez,  si a empresa Ibérica S.A contará cunha nova adxudicación de contratos de mantemento para   Vigo, Pontevedra Lugo e Ourense.

O BNG PIDE DECENCIA AO SERGAS E QUE RESCINDA O CONTRATO A IBERICA

Pola súa parte, o xerente do SERGAS, Antonio Fernández Campa xustificou a externalización do servizo na  normativa que establece sexan os fabricantes dos aparatos  os que garantan os servizos. A nacionalista reprochou   ao titular do SERGAS eludir, unha vez máis,  responder ás preguntas formuladas e  recalcou  que “non ten xustificación ningunha” adxudicar de novo  un contrato a unha  empresa que suma denuncias por incumprimento reiterado.  “Sabemos que hai xerencias do SERGAS que lle están a reclamar cantidades,  hai corrupción a través do DOG” e lamentou que o PP “encubra  este tipo de empresas”.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG