Parlamento Galego

O teito de gasto para o 2017 consolida a desigualdade, a precariedade e a emigración

Ana Pontón no Parlamento Galego
Ana Pontón no Parlamento Galego
  • A portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón lamentou que o “autobombo” do conselleiro de Facenda na presentación do teito de gasto para o 2017, non solucione os problemas dos galegos e galegas afectados polo desemprego e anunciou que o BNG votaría en contra dun modelo que persiste  nos recortes sociais

A portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón anunciou o voto en contra do teito de gasto defendido polo conselleiro de Facenda para o ano 2017, por considerar que persiste “nunha política austericida que non  se compromete cos dereitos sociais e  resulta inútil para mellorar as condicións de vida dos galegos e galegas.

Na súa intervención, a nacionalista afirmou que “un de cada catro fogares vive con menos de 1.000 euros ao mes” e a filosofía económica dos  orzamentos e o  teito de gasto do Partido popular  consolidan esta situación, por iso, dixo,  votaremos en contra por “coherencia con Galiza, compromiso cos dereitos sociais e para poder modificar unha política que non é útil para que as condicións de vida dos galegos e galegas melloren”.

Se acabou a crise por que hai recortes?

O teito de gasto e os orzamentos non debuxan os orzamentos expansivos dos que falou Núñez Feijóo, máis ben, “son un límite á hora de poñer freo aos recortes e facer un cambio de modelo”. Ana Pontón apostou pola innovación, a xeración e calidade do emprego, sustentabilidade e coidado do noso medio ambiente e poñer fin aos recortes sociais polo que preguntou “se acabou a crise, por qué hai recortes?”

Vostedes, engadiu a portavoz do BNG, remiten un teito de gasto de 9.063 M€ que comparado co teito de gasto aprobado o ano pasado representa un incremento de 190 M€ o que significa un 2,1% polo tanto, dixo, “esa grande expansividade non é tal”. Sen embargo, dixo,  hai unha parte na que estamos de acordo, “que os traballadores e traballadoras da Administración pública recuperen a paga extra” á que se destinarán  185 M€ pero hai outros ámbitos relacionados coa sanidade, educación, políticas de coidado do medio ambiente nos que vostedes non poderán actuar. Para a nacionalista, resulta moi grave para Galiza que o orzamento consolide os recortes en materia social e fronte á “propaganda” do partido popular,  a realidade  é que durante oito anos na consellería de Educación recortaron, dende o ano 2009, máis de 1.152 M€, en Sanidade en torno ao 7% con consecuencias no incremento das listas de espera, 1.800 profesionais menos no sistema sanitario público galego, e en dependencia, no ano 2015 hai 24.000 persoas que seguen agardando.

Ana Pontón no Parlamento GalegoO BNG reclama outro modelo de financiamento que non prexudique a Galiza

A parlamentaria tamén se referiu ao modelo de financiamento, “insuficiente” para asumir as necesidades do pobo galego e criticou que o Goberno central  xestione o  51,7% do déficit mentres a nós, afirmou,  só nos permiten incorrer no 17% do total do déficit do conxunto do Estado. Pontón cualificou de “inxusto” o modelo tendo en conta que o gasto social representa  o 25% do gasto total polo que explicou que a maior parte dos recortes se inflixen neste gasto.

Na práctica, aos recortes sociais hai que sumar o recorte no “autogoberno”, e agora vostedes van máis alá converténdose en “meros xestores das decisións de Montoro”. Neste sentido, Pontón lamentou a “obediencia” do Goberno galego ao Goberno central.

A parlamentaria insistiu na necesidade de  mudar as políticas de emprego porque na súa opinión o relevante é que Galiza xere emprego neto xa que  a redución das taxas non está relacionada coa creación de emprego, son produto, recalcou “da emigración  e das  persoas excluídas da taxa da poboación activa”. A deputada preguntou ao conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez  se a estimación do goberno sobre crecemento económico vai parella a creación neta de emprego en Galiza, porque esa é a clave para que a palabra do Presidente da Xunta non se reduza a un “anuncio” repetido ano tras ano mentres segue medrando no noso país, “a pobreza, a desigualdade e a xente que debe marchar por falta de oportunidades”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG