Solidariedade e apoio do BNG ao HDP e ao pobo curdo

Na madrugada do pasado 4 de novembro o Goberno turco levou a cabo a detención de 12 deputad@s do HDP, entre eles os co-presidentes da formación Selahattin Demirtas e Figen Yürsekdag, acusados de participar en actividades de propaganda do terrorismo.

O Partido Democrático dos Pobos, é a terceira forza do Parlamento e principal formación curda, conta con 59 deputad@s dun total de 550.

É evidente a intención de terminar co HDP, sen acudir formalmente á súa ilegalización. Desde a súa chegada democrática ao Parlamento en xuño de 2015, Erdogán e o seu réxime, realizaron todo tipo de acusacións e ataques contra o HDP. Estas detencións prodúcense nun contexto de estado de excepción e de purgas xeralizadas, e despois de que o parlamento eliminara en xullo de 2015 a inmunidade parlamentaria a 54 dos seus 59 deputad@s para así poder actual contra eles.

Estas detencións súmanse aos 181 alcaldes e concelleir@s curdos e máis de 300 dirixentes de formacións curdas encarcerad@s, á intervención de alcaldías e ao peche masivo de medios de comunicación curdos.

Estamos diante dunha operación política que pretende eliminar as voces da oposición curda da vida pública e deixar ao pobo curdo sen os seus lexítimos representantes.

O Bloque Nacionalista Galego condena este novo golpe do réxime de Erdogan contra o pobo curdo, mostra a súa solidariedade e apoio ao HDP e esixe ao Goberno turco que proceda á inmediata posta en liberdade d@s seus representantes detidos e cese na represión e persecución do pobo curdo e d@s seus representantes.

Así mesmo demandamos do Goberno español e da Unión Europea que respondan á petición que o HDP fai “á comunidade internacional para que reaccione contra o golpe de Estado lanzado polo réxime de Erdogán”, condenen esta actuación e esixan ao Goberno turco que remate con estas persecucións e encarceramentos e proceda á inmediata posta en liberdade d@s deputad@s detid@s e do resto de representantes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG