20 de novembro, Día Internacional da Memoria Trans

Ser trans non é ningunha doenza

LGBTI. Foto: unsplash.com
LGBTI. Foto: unsplash.com

O 20 de novembro, o Día Internacional da Memoria Trans serve para visibilizar as persoas trans e conscientizar a sociedade acerca da violencia transfóbica.

Ser trans non é ningunha doenza, mais aínda así supón un risco moi elevado para a saúde e a integridade física e psicolóxica debido aos prexuízos e violencia que padecemos.

As persoas trans somos vítimas frecuentes de agresións e discriminación. Estímase que máis de 80% sufrimos algún tipo de agresión física ao longo da nosa vida, case un terzo tivemos que soportar discriminación laboral e máis de 22% tivemos unha tentativa de suicidio.

En América Latina, a media de vida dunha persoa trans é de 35 anos. Tan só no mes de setembro 2016 foron asasinadas 10 mulleres trans en México, vítimas do feminicidio e do terrorismo transfóbico.

Mais non hai que ir tan lonxe. En 2006, Gisberta Salce Junior, unha muller trans de 45 anos, foi asasinada no Porto. Entre 2008-2016, dos 2264 asasinatos transfóbicos no mundo, 116 tiveron lugar en Europa, 8 dos cales no Estado Español. 

En decembro 2015, Alan, un adolescente trans de 17 anos de Barcelona, quitouse a vida tras anos de brutal acoso escolar. Non foi un suicidio: foi un asasinato social.

En 2016, Lorena Reyes, unha muller trans de 32 anos, foi asasinada nun crime de violencia machista transfóbica en Santa Cruz de Tenerife.

Mentres tanto, Hazte Oír, organización declarada de “utilidade pública” que gozou de cuantiosas subvencións públicas, facía circular o seu autobús transfóbico impunemente por todo o Estado, con visita a Galiza incluída, sementando odio ao seu paso. 

Desde o seu compromiso cos dereitos das persoas LGBTI, o BNG condena todo tipo de violencia machista e transfóbica. Así, promoveu a protección legal e social das persoas trans ao apoiar a lei de identidade de xénero galega proposta por colectivos trans do País. Exixe que o tratamento clínico de reasignación de sexo sexa incluído no catálogo de prestacións do Servizo Galego de Saúde. Defende a creación dun Observatorio Galego contra o machismo e a lgtbifobia. Pula pola elaboración dunha Lei galega para garantir os dereitos do colectivo LGTBI que recolla as agresións lgtbifóbicas como delitos de odio e inclúa un réxime sancionador que substitúa a ineficaz Lei 2/2014, de 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, trans, bisexuais e intersexuais en Galicia.

O BNG defende unha Galiza soberana, máis xusta e igualitaria onde todas as persoas que a conformamos poidamos vivir en liberdade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG