“Rebélate, fala galego”, nova campaña de Galiza Nova

Presentación campaña de Galiza Nova
Presentación campaña de Galiza Nova
“Rebélate, fala galego”, nova campaña de Galiza Nova

Na mañá de hoxe Galiza Nova realizou unha rolda de prensa onde presentou a súa nova campaña nacional en defensa da lingua, baixo o lema “Rebélate, fala galego”. A parlamentaria Olalla Rodil, integrante da Comisión Permanente de Galiza Nova, apuntaba que “unha das cuestións que para nós é fundamental é potenciar o uso do galego entre a xente máis moza” ao tempo que amosaba súa preocupación pola situación do idioma.

Rodil salientou ademais o feito de que existe unha fenda xeracional, pois vemos como “as franxas de idade máis novas do noso país están abandonando case por completo o uso do galego”. Mais tamén remarcou que é posíbel reverter a situación, asegurando que “a única maneira de manter viva a nosa lingua e falala día a día”.

Pola súa banda, Alberte Fernández, Secretario Xeral de Galiza Nova, explicou que con esta campaña pretenden incidir en que “dar o paso de falar galego no contexto actual é un grande feito de rebeldía”. A intención desta campaña e achegar o galego a todas as mozas e mozos, para o cal realizarán unha campaña de concienciación por vilas e cidades de todo o país, onde levarán un photocall “animando á xente a falar galego”, ademais de realizar repartos informativos e actividades con figuras destacadas da cultura galega.