O PP veta a comparecencia de Feijóo para dar conta da xestión da vaga de lumes

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón demandou ao inicio do pleno unha alteración da orde do día para incluír a comparecencia do presidente da Xunta

A portavoz nacional, Ana Pontón, demandou ao inicio do pleno unha alteración da orde do día para incluír a comparecencia do presidente da Xunta en relación á situación de emerxencia nacional provocada pola vaga de lumes dos últimos días. A demanda, formulada polo BNG e polas outras dúas forzas políticas da oposición En Marea e PSdeG, foi vetada polo PP.

Pontón salientou que o xefe do Executivo debe “dar a cara” ante o Parlamento e informar da situación xerada polos lumes, das medidas adoptadas para enfrontar as lapas e das actuacións previstas para xestionar todos os efectos causados polos incendios, ademais de servir para dar pé a un debate de fondo para mudar a actual política forestal e de abandono do rural que ten convertido Galiza nun polvorín.

Ao mesmo tempo, e a través dunha iniciativa na Eurocámara, o Bloque trasladou a Comisión Europea a situación provocada pola vaga de incendios e demanda do Executivo comunitario medidas extraordinarias e urxentes de apoio a Galiza, así como activar o Mecanismo Europeo de Protección Civil para responder ás necesidades inmediatas desta catástrofe. Ademais, pide ao Executivo comunitario que esixa ao Goberno español o cumprimento da normativa de prevención e extinción de incendios.

A portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, xa iniciou os contactos ante os comisarios de Medio Ambiente e de Agricultura para que tomen cartas neste asunto, denunciando que a Xunta “desactivou” o dispositivo da loita contra os lumes ademais de precarizar o servizo.

“A falta de prevención pública, as actuais condiciones meteorolóxicas, o abandono do rural e a eucaliptización do territorio son causas desta traxedia que ten provocado mesmo vítimas mortais”, indica a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, na iniciativa, onde tamén salienta a actitude exemplar da cidadanía galega “que coa súa valentía e coas súas propias mans supliu a falta de medios” na loita contra os lumes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG