O PP rexeita a proposta do BNG para velar polos dereitos de menores internados en centros de custodia

Luís Bará en Comisión
Luís Bará en Comisión

O deputado do BNG, Luís Bará defendeu crear un mecanismo galego preventivo para protexer os dereitos dos menores internados en situación de “indefensión e vulnerabilidade”

O deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará defendeu hoxe unha proposición non de lei destinada a crear o “mecanismo galego preventivo” en materia de menores internados en centros de custodia e reforma para garantir os seus dereitos.

O nacionalista lamentou o voto en contra do grupo maioritario do Partido popular argumentando falta de competencia na materia e a existencia de organismos que  velan polos dereitos dos menores. Para o deputado do BNG,  en Galiza existen moitos centros pero de “xestión e titularidade privada” nos sobre os que  existen numerosas denuncias por “malos tratos e agresións” que poñen de relevo a precariedade do colectivo de menores e a “febleza do sistema público de protección, custodia e reforma”.

Bará afirmou que o actual marco legal e o protocolo facultativo permite crear o mecanismo proposto polo BNG hoxe en comisión parlamentaria  o que  significaría, dixo, “un paso adiante” e cun comportamento diferente á xestión que lle compete ao ámbito xudicial, a fiscalía ou  órganos internacionais. A nosa proposta, engadiu, situaría a Galiza nunha situación avanzada no Estado español nesta materia e criticou a falta de interese do Partido popular para a  creación dun  mecanismo integrado por persoas que realizan o seu labor no ámbito social que porían o énfase na defensa dos dereitos de  menores internados nos centros de custodia e reforma.

O parlamentario do BNG reiterou que en Galiza existen numerosos centros de menores, e explicou que aínda que  os máis coñecidos son centros de reforma cun control xudicial, cando menos teórico do xulgado de menores, existen tamén centros de protección que teñen un control xudicial non directo. “Se temos en conta os centros de protección, de reforma e de trastornos de conduta, estamos a falar dunha poboación de máis de 1.200 menores  no ano 2016”.

Bará concluíu a súa intervención aludindo á necesidade de reforzar os controis para velar polos dereitos dos menores internos como xa teñen posto de manifesto diversos colectivos de defensa dos dereitos fundamentais.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG