Se o PP pode rescatar as ruinosas autoestradas madrileñas tamén pode rescatar a AP-9

image3
  • Ana Pontón responde a Feijóo: “Os cartos para o rescate sairían do mesmo lugar do que o PP vai sacar miles de millóns para as autoestradas madrileñas”
  • Pregúntalle se vai permitir que Rajoy rache a “unidade” política do Parlamento galego vetando o debate da transferencia no Congreso

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto simbólico de reivindicación dunha AP9 galega e libre de peaxes, convocado polo BNG nas principais peaxes da autoestrada, consistente en pagar en céntimos o custe da viaxe. A dirixente nacionalista aproveitou para responderlle a Feijóo á pregunta de onde se obterían os cartos para o rescate e para, a súa vez, formularlle unha pregunta ao presidente da Xunta.

“Preguntábanos Feijóo (no último debate en Pleno parlamentario) de onde íamos sacar os cartos para rescatar a AP9, pois exactamente do mesmo lugar de onde vai o PP e o goberno central sacar os cartos para rescatar as autoestradas madrileñas propiedade da banca e das construtoras”, explicaba Pontón, “e quero formularlle eu tamén unha pregunta: que vai facer o Sr. Feijóo ante o intento de Rajoy de vetar o debate da lei aprobada por unanimidade reclamando a transferencia?”

A tamén deputada reiterou a disposición do BNG a sacar adiante un “pacto de país” e pediu ao PP que non permita que se rompa a unidade política acadada no Parlamento.

“Seguimos coa man tendida a un acordo de país que poña fin ao trato desigual cos galegos e galegas e que poña fin ao abuso dunhas peaxes que son unha estafa legalizada”, recalcou Pontón tras instar ao presidente da Xunta “a defender o acordo unánime do Parlamento ante o intento de división e ruptura desa unidade que quere provocar o PP co seu veto”.

Preguntada polas “dificultades” de acadar a transferencia que alegaba Feijóo, a dirixente do BNG apelou a loitar polas causas que se consideran xustas. “Hai que loitar polas cousas para poder conseguilas e por iso é importante que haxa presión política e social”, explicou, ademais de subliñar o “acordo unánime” do Parlamento.

“O Bloque aposta por preservar esa unidade para poñerlle fin a unhas peaxes que son unha auténtica estafa e unha navallada aos galegos e galegas que cada día pasan pola autoestrada, onde deixan 300.000 euros nas arcas de Audasa que supón un beneficio superior de 90.000 euros diarios para a concesionaria”. Ante esta realidade, Pontón considera que non cabe a resignación “nin asumir que non hai nada que facer”.

A portavoz nacional insiste en preguntar a Feijóo que vai facer como presidente galego ante o veto do PP ao debate no Congreso da transferencia, -rachando coa unidade acadada na Cámara galega-, e pídelle que responda ao feito de que Rajoy anuncie que ten miles de millóns para rescatar as radiais madrileñas e nada para rescatar aos galegos e galegas da “navallada” que supoñen as peaxes da AP9.

Pontón aposta por manter a unidade política e promover a mobilización social ante unha demanda que comparte a inmensa maioría da cidadanía, e avanzou que o BNG seguirá coa súa campaña e o seu traballo político nas institucións e na rúa para acadar unha AP9 galega e libre de peaxes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG