O PP non quere investigar nin analizar a vaga de lumes no Parlamento Galego

Noa Presas
Noa Presas

O PP vota en contra da creación dunha comisión de investigación no Parlamento e en contra de crear un organismo para loitar contra os incendios de nova xeración

O BNG critica o veto do PP á creación dunha comisión de estudo para analizar e investigar a vaga de lumes, dirimir responsabilidades e impulsar os cambios necesarios para evitar un novo 15-O, “sen límites de temas nin propostas, sen cancelas e sen un final prefixado”, defendeu a deputada Noa Presas, “para estar á altura das circunstancias” ante os galegos e galegas.  

A parlamentaria lembrou todas as propostas defendidas polo Bloque contra os incendios: adiantar o Pladiga, plan especial para zonas con condicións climáticas e socioeconómicas específicas e de alta reincidencia, mando único para a prevención e a extinción, moratoria na plantación de eucalipto ou reforzar o banco de terras.

“Ata o momento predicamos no deserto”, denunciou Presas, quen tamén lembrou a carta remitida por Ana Pontón ao presidente da Xunta para acadar un pacto de país contra os lumes tras a traxedia lusa, que Feijóo nin chegou a contestar. 

Presas salientou que as medidas anunciadas polo presidente galego son na práctica, “recuperar medidas do bipartito, recollidas nas conclusións da comisión de investigación de 2006 ou cuestións que están na Lei de Montes pero presentan como se fose o descubrimento de América”.

O BNG critica que o Goberno estea instalado no “relato autoexculpatorio” e se negue a dialogar coas forzas da oposición nunha cuestión clave para o país. “Escoitar e falar, á oposición e á sociedade, porque nove anos de sectarismo político levounos a desmantelar a política forestal, a política do rural e a de prevención e extinción de incendios e agora non valen rectificacións para a galería”, concluíu Presas.

Igualmente, o PP vetou a creación dun organismo para combater os lumes de nova xeración integrado polos  diversos colectivos  do dispositivo de prevención e extinción, establecer protocolos de actuación e  adecuar os medios humanos e materiais a estas novas tipoloxías de incendios na procura dunha maior eficacia. 

A proposta foi defendida polo portavoz de Agricultura, Xosé Luís Rivas, quen argumentou que no pasado a maior parte dos incendios “eran controlables grazas a actividade agrícola e as masas forestais estaban separadas por pradarías facendo de cortalumes. “Hoxe, consumado o abandono da actividade agraria e reducidas as explotacións leiteiras a unha décima parte,  fai que de auténtico milagre o lume do 15 de outubro non chegase ó Cantábrico”.

“Contamos con profesionais da extinción con coñecementos e experiencia suficiente coma para preparar o servizo para estas continxencias, polo que reflexionar, protocolizar e formar serían os pasos a dar. Formar, homoxeneizar, estabilizar, unificar e poñer fin a tanta precariedade e heteroxeneidade no servizo”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG