O PP en contra do “plan integral” do BNG para evitar o impacto das obras da AP-9 en Chapela

O PP en contra do “plan integral” do BNG para evitar o impacto das obras da AP-9 en Chapela
  • Luís Bará salientou que  as obras de ampliación da  ponte de Rande prexudican gravemente á poboación de Chapela en materia de ruídos, tráfico, vivendas e infraestruturas

A proposición non de Lei defendida polo deputado do BNG, Luís Bará para  poñer en marcha un plan integral na parroquia de Chapela co fin de    minimizar  o impacto das obras de ampliación da AP-9, foi rexeitada polo Partido popular.

O parlamentario do BNG explicou que, a proximidade das obras afecta gravemente ao desenvolvemento dos centros escolares e a súa normal actividade lectiva así como vivendas e outras infraestruturas na parroquia e contorna, ao que sumou  os ruídos, vibracións e tráfico.

Para o deputado, a parroquia de Chapela leva décadas padecendo as consecuencias de  infraestruturas como o  ferrocarril, a autoestrada 552 e a propia AP-9 polo que  é preciso un plan específico  que implique ao  Ministerio de Fomento e a concesionaria  da autoestrada para “corrixir os impactos negativos dunha  infraestrutura” que, en  opinión do parlamentario nacionalista, “tampouco era preciso facer”.

Pola súa parte,  o  portavoz do Partido popular, Alberto Pazos Couñago respondeu que o Goberno galego xa tomou  as medidas oportunas e os compromisos se están a executar ao que o nacionalista replicou   que, a pesar do que diga o Partido popular, a  parroquia de Chapela segue necesitando   “suprimir a   peaxe entre Redondela e Vigo, construír o novo colexio, a escola infantil e solucionar os problemas de ruídos e tráfico”. Neste sentido, apostou polo  carácter urbano entre as torres de Padín e a cidade de Vigo  que permitiría desviar grande parte do tráfico que atravesa a rúa Sanjurjo Badía”. Esta actuación permitiría ademais urbanizar a vía que atravesa a parroquia de Chapela  por mor do intenso tráfico, máis de “15.000 vehículos ao día”.

As obras, engadiu, tamén afectan ao colexio da Igrexa e grazas a presión social acadouse un  acordo entre AUDASA, Fomento e  concello para trasladar este centro a unha nova parcela. O acordo, sen embargo, criticou Bará,  data do 2015 e ata agora “non se produciu ningunha medida ao respecto” polo que insistiu en  “recualificar os terreos e comezar as obras este mesmo ano”.

Finalmente, o parlamentario reclamou un compromiso do goberno galego para construír unha nova escola infantil e manter o servizo de correos.