O PP defende hoxe o Plan Chapela do BNG que rexeitou até en dúas ocasións no Parlamento Galego

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará lembrou que o BNG reclamou iniciar accións para mitigar o impacto das obras da ponte de Rande nas parroquias de Chapela e Trasmañó

O PP defende hoxe o Plan Chapela do BNG que rexeitou até en dúas ocasións no Parlamento Galego

O deputado do BNG, Luís Bará anunciou o voto a favor “por coherencia” da proposición non de lei do Partido popular para demandar do Goberno central e  concesionaria da AP-9 medidas que minimicen o impacto das obras de diversas infraestruturas de comunicación na parroquia de Chapela.

O parlamentario do BNG afeou a intervención do popular, Pazos Couñago e lembrou que o BNG reclamou “en dúas ocasións” resolver as consecuencias das obras da AP-9 nas parroquias de Chapela e Trasmañó. Onte mesmo, explicou,   defendemos en sesión plenaria unha moción nesta mesma liña e foi o PP o que impediu que prosperara. O PP, reiterou, “votou en contra por segunda vez” ás iniciativas do BNG.

O deputado recalcou que o BNG mostrou a súa oposición as obras de ampliación da AP-9 na ponte de Rande e o impacto das mesmas sobre as parroquias limítrofes. Hoxe, reiterou, o BNG votará a favor da proposta do Partido popular por que somos “consecuentes” e non participamos en “xogos de trileiros” como fan vostedes con este asunto.

“Imos votar a favor a pesar de que non acepten as nosas emendas que farían máis eficaces as medidas recollidas na proposición non de lei”. Para o deputado, no mes de abril, o Partido popular rexeitou a iniciativa do BNG por “un capricho infantil”, a pesar de gustarlles a nosa proposta, afirmou,  vostedes non aceptaron dúas  emendas do Partido socialista destinadas a   “non abrir  o carril de acceso polo impacto no colexio mentres non fora trasladado o centro escolar e que non  facer  a ponte de acceso a Trasmañó,”. Iso foi o que lles molestou e por iso votaron en contra  da nosa proposta, remarcou Bará.

Por outra parte reprochou ao portavoz popular, Pazos Couñago ir “a recú das mobilizacións veciñais”. Vostedes hoxe con esta iniciativa constatan “tres  fracasos”, o do concello de Redondela incapaz de conseguir “nada” na comisión de seguimento. Polo contrario, en vez de incluír   no convenio coa concesionaria no  2012  as melloras para Chapela, o  PP ampliou as compensacións a AUDASA que se materializarán o mes que ven co incremento das peaxes ao que sumou outro   “fracaso”  da Xunta e o concello de Redondela  na  tramitación do traslado do colexio  de Chapela, a pesar do convenio que obrigaba a garantir a seguridade no centro escolar mentres non se procede a entrega do novo colexio. Ademais, para o nacionalista a  Xunta tamén fracasou,  na comisión de seguimento bilateral con Fomento da que non   conseguiu “nada”, tras unha única reunión.