O PP decreta o apagón informativo durante a vaga de incendios, pero gasta 77.000 euros en propaganda

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil:  “Ducias de persoas atrapadas na Cañiza e a RG co Galicia en Goles, centos de persoas coas lapas á porta da casa, e a TVG co Luar, LandRober e Serramoura”.

 

O PP decreta o apagón informativo durante a vaga de incendios, pero gasta 77.000 euros en propaganda

A vaga de lumes deixou un pésimo balance tamén en termos de comunicación á poboación, aspecto vital cando se trata de dar información á cidadanía ante unha emerxencia. Neste caso, a deputada Olalla Rodil denunciou o apagón informativo na RG e TVG na xornada máis dura do 15-O e da Xunta a través das canles oficiais

.Unha situación que contrapuxo cos 77.000€s gastados polo Goberno de Feijóo en propaganda para difundir o relato autoexculpatorio do “terrorismo incendiario”.

“O 15-O os incendios deixaron queimados a RG e a TVG, que non cumpriron a función de servizo público e deixaron sós a milleiros de galegas e galegos”, denunciou Rodil na súa interpelación ao vicepresidente Alfonso Rueda. “Ducias de persoas atrapadas na Cañiza e a RG co Galicia en Goles, centos de persoas coas lapas á porta da casa, e a TVG co Luar, LandRober e Serramoura”.

A deputada lembrou que a RTVG costa máis de 100M€ anuais a todos os galegos e galegas, pero foi unha canle privada, La Sexta, a que empezou a emitir un informativo especial sobre a vaga de lumes, “mesmo antes que os medios públicos deste país, bochornoso e inadmisíbel!”, subliñou.

O papel da Xunta en termos de comunicación “non foi menos indecente”, centrando esforzos en construír un relato autoexculpatorio en lugar de informar á poboación. “Gastaron 77.000€ en publicidade para difundir a súa verdade revelada, a súa verdade oficial. Sabe canto nos custou o seu anuncio en páxina impar a toda cor señor vicepresidente? 481€  cada liña”, denunciou. 

E mentres, “nada de información oficial sobre o estado das infraestruturas ou sobre medidas de auto protección diante das lapas”. Rodil pediu ao PP que non volva vetar a comparecencia do director xeral da CRTVG para dar explicacións na Cámara e que a Xunta “aprenda dos erros” e teña previsto un protocolo de información real e solvente á poboación en situación de emerxencia.