Posición do BNG diante do debate da moción de censura ao Goberno de Mariano Rajoy

Sesión de moción de censura ao PP
Sesión de moción de censura ao PP
Posición do BNG diante do debate da moción de censura ao Goberno de Mariano Rajoy

Nos días de onte e hoxe tivo lugar no Congreso dos Deputados a moción de censura presentada polo grupo Unidos Podemos ao goberno do Partido Popular, e que rematou co resultado de 82 votos a favor, 170 en contra e 97 abstencións.

Desde o Bloque Nacionalista Galego queremos facer as seguintes consideracións a respecto:

  1. No BNG temos claro que hai motivos de sobra para que no Estado español se puxese en marcha unha moción de censura ao goberno do Partido Popular. Hainos no plano económico, no social, no nacional e no dos dereitos cívicos e democráticos. Son os mesmos que había cando, nas Xerais de 2016 e con Rajoy derrotado, PSOE e Podemos foron incapaces de poñer por diante os intereses xerais aos seus partidarios. Desa decisión vén que hoxe na Moncloa se manteña un Partido Popular investigado de arriba a abaixo pola súa vinculación directa con tramas diversas de financiamento ilegal e actividades delictivas.
     
  2. A crise económica, política e institucional que vive o Estado español é a crise do conxunto do réxime saído da chamada Transición. Dentro dela, o fenómeno da corrupción masiva que foi saíndo á luz pública non pode ser explicada como unha simple suma de casos illados ou puntuais. Pola contra, a corrupción no Estado español ten carácter sistémico porque afecta ao réxime e a todos os seus estamentos e manifestacións.
     
  3. O debate e o resultado da moción de censura deixan claro que as forzas da esquerda española non están á altura do que demanda a maioría social. Prefiren desenvolver estratexias partidistas antes que poñeren en marcha un acordo viábel que consiga desaloxar ao PP do goberno do Estado.
     
  4. Dos dous días de debate tamén se conclúe que Galiza está fóra de xogo nesta lexislatura. As cuestións de relevancia política para Galiza no económico, no territorial, no social, están completamente ausentes da axenda política española. Na confrontación Rajoy-Iglesias a sociedade galega foi un elemento ausente, Galiza como nación non existiu.

    O desprezo do Goberno de Rajoy aos grandes temas galegos coñecémolo porque o padecemos: centralización de competencias, discriminación no modelo de financiamento autonómico e dos concellos, negativa á transferencia de infraestruturas ou agravio nas pensións, entre outros moitos.

    Pola súa banda, Podemos, que formalmente cumpría co mínimo democrático do recoñecemento formal da plurinacionalidade, revelou nun debate de máxima relevancia como é o dunha moción de censura cal é a súa consideración real a respecto do noso país: no seu discurso, o candidato Pablo Iglesias rebaixou politicamente a Galiza e referiuse a ela como rexión e non como nación, ao contrario do que fixo con Euskadi e Cataluña.
     
  5. O debate puxo novamente en evidencia a necesidade de que Galiza conte cunha voz propia no Congreso para a defensa dos intereses do noso pobo, unha voz plenamente autónoma e non subordinada a forzas políticas estatais, que permita a Galiza existir politicamente sen intermediarios e sen cotas.
    Nun contexto como o actual Galiza non pode conformarse con ser apéndice nin nota a pé de páxina de estratexias deseñadas desde fóra do noso país. No BNG pensamos que o noso país precisa avanzar colectivamente como pobo na superación do actual marco.

    Defendemos para Galiza un novo estatus de nación que leve aparellado para a sociedade galega dispoñer de plena capacidade para levarmos adiante unha axenda propia para a modernización, o progreso e o benestar do noso país.
     
  6. Finalmente queremos aproveitar para expresar o noso rexeitamento aos comentarios machistas de Rafael Hernando, portavoz do Partido Popular, que entendemos deberían ser reprobados polo conxunto de forzas políticas.