Ana Pontón a Feijóo: “Que pasaría se en 10 días asasinasen a 4 deputados e tentasen asasinar a outros 3?”

Propón a Feijóo crear unha unidade que garanta o cumprimento da lei contra a violencia de xénero e aumentar os recursos ata os 90M€

Pide a retirada da campaña da Xunta, “porque as mulleres non somos unha catedral, nin unha ponte, nin unha muralla, non somos patrimonio”

Ás portas do 25N a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a sesión de control ao presidente para facer unha dobre proposta na loita contra a violencia machista: Garantir o cumprimento da Lei galega contra a violencia de xénero e incrementar os fondos destinados a combater un problema de tal magnitude que afecta a metade da poboación.

“Destinar o 1% dos orzamentos, un euro de cada cen, 90 millóns de euros, o que permitiría multiplicar por 20 os recursos actuais, e crear unha unidade especial dentro da Vicepresidencia encargada de facer cumprir a Lei galega contra a violencia de xénero na Xustiza”, propuxo Pontón a Feijóo, “basta con que haxa vontade política”.

Esa unidade tería como obxectivos concretos impulsar xulgados específicos en todas as cidades, garantir a formación en violencia de xénero do persoal que intervén no proceso xudicial, evitar a violencia institucional gravando as declaracións das vítimas e evitar que teñan que repetila, unha e outra vez, ao longo do proceso de denuncia e garantir a separación entre vítima e agresor nos xulgados.

Pontón chamou a atención sobre “a normalidade social que mesmo chega a culpabilizar ás vítimas” coa que se percibe a violencia machista “que discrimina, que agrede, que humilla, que golpea, que viola e mesmo que mata ás mulleres polo mero feito de selo”. No que vai de século, o machismo suma máis mortes no Estado que o terrorismo, “pero a resposta social e institucional é moi diferente”, subliñou.

“No que levamos de mes, houbo 3 intentos de feminicidio e 4 mulleres foron asasinadas polos seus compañeiros. Pregúntome, igual que moitas mulleres, que pasaría se en 10 días asasinasen a 4 deputados e intentaran asasinar a outros 3? Cal sería a reacción social, e sobre todo como reaccionaría a Xunta e o poder do Estado? É unha resposta incómoda, pero necesaria”, argumentou Pontón.

Neste sentido, reclamou de Feijóo que demostre con feitos o compromiso da Xunta. “Se a violencia que mata ás mulleres fose considerada terrorismo, a resposta iría máis aló que lazos na solapa e minutos de silencio”, alegou, mentres volvía reclamar a retirada da campaña institucional por paternalista e machista.

“Non se soluciona o problema con campañas que atentan contra a dignidade da mulleres porque non somos nin unha catedral, nin unha ponte, nin unha muralla. As mulleres non somos patrimonio, somos humanas que non precisamos que nos protexan, senón dereitos e que a sociedade reaccione cando nos agreden. Se a violencia é terrorismo, respondamos como o fan co terrorismo de estado”, reclamou.

Pontón puxo en valor o traballo realizado polo BNG durante o goberno bipartito, empezando pola Lei galega contra a violencia de xénero, pioneira no Estado, ou ter impulsado que as axudas as vítimas non se vinculen a unha denuncia previa.

Acabar coa violencia machista “require a implicación de toda a sociedade, e os gobernos son os primeiros que deben demostrar esa implicación pasando das palabras aos feitos”, concluíu a súa intervención, que inicio cun recoñecemento expreso ao feminismo. “Sen elas, sen a súa rebeldía e pensamento crítico seguramente eu non estaría hoxe falando neste Parlamento”, concluíu.

Petición de amparo

A dirixente nacionalista anunciou que presentará unha petición de amparo á mesa do Parlamento en relación á intervención do presidente da Xunta, quen pechou a súa réplica preguntando a portavoz nacional do BNG se estaba do lado da vítima ou do agresor, interpelación que Pontón cualificou de “indecencia política”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG