Poder político e novo modelo de financiamento, prioridades do BNG para solucionar os problemas de Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón ve urxente crear emprego e mellorar as pensións, blindar servizos públicos, parar a sangría demográfica e poñer fin á irrelevancia política

Pide a dimisión do titular de Fomento por “incompetencia e soberbia” e insta a Feijóo a dar a cara polos miles de galegos e galega atrapadas

Poder político e novo modelo de financiamento, prioridades do BNG para solucionar os problemas de Galiza

Crear emprego digno e mellorar as pensión, blindar os servizos públicos, frear a sangría demográfica e poñer fin á irrelevancia política á que o presidente da Xunta arrastra a Galiza son as prioridades do traballo político do BNG enumeradas pola portavoz nacional, Ana Pontón, no arranque do novo período de sesións. Para sacar adiante estas prioridades o Bloque considera imprescindible acometer dous grandes debates: novo modelo institucional e o novo sistema de financiamento.

“As nosas prioridades de traballo afectan aos graves problemas do país que só poden superarse con cambios estruturais para poder mellorar as condicións de vida dos e das galegas: En primeiro lugar o debate sobre o novo modelo institucional para dotar Galiza de capacidade de decisión sobre todas as cuestións que lle afectan e, en segundo lugar, un novo modelo de financiamento para acabar cun sistema que nos discrimina e que non garante a nosa suficiencia financeira”, explicou Pontón.

No primeiro caso, o Bloque propón crear no primeiro trimestre do ano unha ponencia parlamentaria que, “desde o sosego”, permita unha reflexión sobre o fin do modelo actual, esgotado e fracasado, e poñer en marcha unha novo marco institucional para Galiza desde o seu recoñecemento como nación. “É un debate que xa está aberto no Estado e Galiza non pode quedar como mera espectadora senón que debe ser protagonista marcando tempos e prioridades”, indicou a dirixente nacionalista.

En relación ao segundo debate, o BNG propón un concerto económico que aportaría 3.500 millóns de euros adicionais para financiar servizos públicos, activar os sectores económicos e facilitar a creación de emprego. Sen embargo, nada se sabe da alternativa do Executivo de Feijóo: “O goberno oculta información ao Parlamento e non sabemos que proposta enviou a Xunta ao Estado cando se trata dunha cuestión de máxima actualidade e relevancia para Galiza, de feito, o curso parlamentario debería iniciarse cunha comparecencia do presidente galego previo envío de toda a documentación”, demandou, “se o concerto económico é un modelo exitoso para Euskadi, non sabemos porque Feijóo non o quere para Galiza e prefire que perdamos  oportunidades”.

Xunto cos dous grandes debates, -novo modelo institucional e de financiamento-, o Bloque seguirá coa campaña en contra da estafa das peaxes e pola transferencia da AP9, en demanda dunha tarifa eléctrica galega que poña fin ao espolio enerxético, pola modernización de ferrocarril no interior de Galiza, “porque fora do Eixo atlántico o servizo é decimonónico”, e en defensa dos servizos públicos, en particular contra a nova agresión contra a sanidade que supón a reforma da Lei de Sanidade aprobada en solitario polo PP para avanzar na privatización do sistema público de saúde.

Atrapadas na AP-6

A portavoz nacional empezou a súa primeira comparecencia de prensa do ano transmitindo a solidariedade do BNG aos milleiros de persoas atrapadas na autovía do Noroeste, unha grande parte galegos e galegos, que tiveron que pasar por unha situación que cualificou de “angustiosa”.

Pontón atribuíu ese calvario que tiveron que soportar os e as usuarias desta vía de alta capacidade do Estado “a unha intolerable cadea de erros e ao caos que provocou que miles de persoas quedasen atrapadas durante horas en condicións angustiosas”, o que motiva a solicitude de dimisión do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, “tanto pola súa incompetencia como pola súa soberbia, nin pediu desculpas, nin admite erros”, criticou, ao tempo que interpelaba ao presidente da Xunta.

“Feijóo vai facer algo ante unha situación que afectou a Galiza e a miles de galegos e de galegas ou, como acostuma, se limitará a unha declaración exculpatoria do ministro e de Rajoy”, concluíu.