O Parlamento aproba a proposta do BNG para cumprir a normativa contra a contaminación do radon

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará criticou a inacción do Partido popular nesta materia e insistiu na urxencia de políticas de saúde pública con medicións dos niveis de radiación para garantir estándares de calidade

O deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará defendeu hoxe en comisión unha proposición non de Lei instando á  Xunta a   desenvolver un Plan de protección contra o radon nas vivendas,  centros de traballo,   saúde e ensino, implicando a todas ás administracións e co asesoramento dos centros  especializados nesta materia.

A proposta do BNG recollía tamén “poñer en marcha medidas de medición  e redución do radon nos centros   de traballo dependentes da administración autonómica: centros de saúde, centros da terceira idade, edificios administrativos, centros educativos, escolas infantís...”

Na súa intervención, o  nacionalista  insistiu  na urxencia de establecer políticas de saúde pública con información sobre os niveis de radiación para  garantir estándares de calidade así como  demandar do goberno do Estado a inclusión no Código Técnico de Edificación  medidas de prevención e protección fronte á contaminación por radon.

Lamentabelmente dixo, despois  de 30 anos transcorridos desde que a Comisión Internacional de Protección Radiolóxica recomendara establecer as medidas oportunas para limitar toda exposición a elevadas concentración do radon no interior dos edificios, “pouco se fixo para establecer medidas prácticas para protexer  a saúde das persoas contra este gas contaminante”.

Trala intervención do portavoz popular, Jaime Castiñeira que incorporou emendas á proposta  nacionalista,  aludiu á tramitación do decreto que porá en marcha un plan contra o gas radon. Pola súa parte, o nacionalista amosou a súa disposición a un acordo pero criticou que  o PP agardara catro anos para aprobar medidas concretas contra os efectos negativos do radon  na saúde pública.

Neste sentido resaltou que “existe unha normativa concreta para reducir os niveles do radon  e  a obriga, por parte do goberno galego, de actuar  sobre todo nos centros da administración autonómica, no sector da saúde, terceira idade, escolas infantís” e fixo fincapé na publicación dun estudo do ano 2010 que confirmaba que “o 34% dos institutos superan os niveis de radon recomendado”.

Para o deputado, o acordo acadado  hoxe “non resulta  plenamente satisfactorio”   e lamentou que o Partido popular non aceptara a totalidade dos puntos defendidos polo BNG quedando finalmente o texto como  sigue:

O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

1.- Dirixirse ao Goberno de España para demandarlle a aprobación máis pronta posible de:

a) Unha modificación do Código Técnico da Edificación no sentido de introducir medidas para a prevención e protección das persoas fronte á exposición a gas radon no interior dos edificios.

b) Unha normativa específica sobre a protección da saúde contra os riscos derivados da exposición ao gas radon a través da cal se regule un procedemento de elaboración, aprobación e implantación dun Plan estatal contra o radon que deberá contar coa participación das Comunidades Autónomas e as entidades locais e co asesoramento do Consello de Seguridade Nuclear.

Ese Plan deberá incluír medidas para fomentar a identificación dos edificios públicos, lugares de traballo e vivendas nas que é prioritario favorecer a redución da concentración de radon así como unha estratexia de comunicación para aumentar a concienciación entre responsables públicos e axentes sociais.

2.- Desenvolver, en coordinación co Goberno de España e o Consello de Seguridade Nuclear, o devandito Plan contra o radon.

3.- Ata o momento da aprobación dese Plan, continuar financiando, a través das axudas de rehabilitación da Xunta de Galicia, que xa o prevén, as actuacións de eliminación do radon en vivendas, co cofinanciamento, ademais, das liñas do Plan estatal de Vivenda 2018-2021 cando entre en vigor.”

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG