PARLAMENTO GALEGO

Os orzamentos de pesca apostan pola acuicultura industrial a costa do resto do sector

Montse Prado na Comisión de Pesca
Montse Prado na Comisión de Pesca
Os orzamentos de pesca apostan pola acuicultura industrial a costa do resto do sector
  • Montse Prado denuncia que a Xunta saca do caixón o contestado proxecto de lei de acuicultura usando a porta traseira da lei de acompañamento
  • O BNG propón máis cartos para renovación xeracional, modernización da flota e máis fondos para seguros que protexan ao sector pesqueiro

O BNG, a través da portavoz de Pesca, Montse Prado, denuncia a aposta da Consellería de Pesca pola acuicultura industrial que plasman os orzamento de 2017, cun incremento de fondos para esta actividade que sube de 18 a 30 millóns de euros, ao que se suma a ampliación das concesións de 30 a 50 anos ás empresas adicadas a esta actividade.

“É a súa prioridade absoluta”, recriminou Prado á titular de Pesca, Rosa Quintana, durante a comparecencia en comisión parlamentaria. “É faino pola porta de atrás usando a lei de acompañamento, un mecanismo opaco, que se escapa ao debate e sen memoria económica xustificativa”, criticou.

A deputada do BNG advirte que a Xunta está utilizando a lei de acompañamento dos orzamentos “para aplicar o proxecto de lei de acuicultura que tiveron que meter no caixón tras a contestación na rúa de todo o sector” pero, pasadas as eleccións, “volven á carga”.

Este apoio á acuicultura intensiva faise a costa do resto do sector, indicou Prado, como recollen as contas de Pesca.

“A partida para recuperar zonas de marisqueo queda case conxelada, o apoio ao Consello Regulador do Mexillón é simbólico, escasos os fondos para a investigación para, por exemplo, detectar e corrixir porque o berberecho está practicamente desaparecido na Ría de Arousa e os cartos para seguros que protexan ao sector da inactividade provocada polo mal tempo, por catástrofes ou toxinas é de 200.000 euros para miles de potenciais afectad@s”, explicou.

Do mesmo xeito, a partida para facilitar a incorporación de xente moza non supera os 500.000 euros. Prado pediu a Quintana “prudencia e menos triunfalismo” ante un sector que despezou 415 barcos nos últimos anos, cun marisqueo artesanal no que a renda media e de 350 euros mes, que perdeu emprego desde 2009, onde queda moito por facer na comercialización e no que Galiza, pese a ser potencia pesqueira, carece de peso onde se toman as decisión, Madrid e Bruxelas.