Parlamento Galego

Olalla Rodil volve a reclamar que se cumpra a lei da crtvg, aprobada hai cinco anos

Olaia Rodil en Comisión de Cultura
Olaia Rodil
  • Na comparecencia do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo para explicar os orzamentos do ente público, a nacionalista  reclamou a elaboración e redacción do Estatuto profesional e a creación do Consello de Informativos

A deputada do BNG, Olalla Rodil volveu reclamar hoxe, trala comparecencia do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo que se cumpra a lei  dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza aprobada hai cinco anos no Parlamento galego. Ademais, a nacionalista incidiu na necesidade de elaborar o Estatuto profesional e a crear o Consello de informativos.

Dende o BNG entendemos que o cumprimento da lei é  a forma de introducir “o carácter democrático, de independencia e veracidade” así como de profesionalidade dos medios, tanto na radio como na televisión pública de Galiza e por esta razón solicitamos, “novamente” instar á   Xunta de Galiza a iniciar o cumprimento da Lei 9/2011.

Por outra parte, a parlamentaria preguntou pola pequena presenza dos ingresos publicitarios en relación cos niveis de audiencia recollidos nos últimos meses pola radio e televisión galega. Neste sentido, preguntou   se dende a dirección da CRTVG tense analizada esta cuestión e se van  procurar formulas para aumentar os ingresos neste ámbito.

Na súa intervención, a  parlamentaria  criticou a falta de “produción propia da TVG” así  como a externalización de parte da programación ao que sumou o “minguado apoio” a produción cinematográfica, a pesar, dixo, de que Galiza conte con tres universidades con titulación de comunicación audiovisual polo que, na súa opinión, resultaría un sector importante de desenvolvemento económico no noso país.

Sobre a promoción cultural,  Olalla Rodil  interpelou ao titular da CRTVG polos  “Directos da Galega” espazos, explicou, que servían de plataforma para dar a coñecer a produción musical  e que “desapareceron da grella”. Van a  incrementar no ano 2017 estes espazos?, preguntou.

Perspectiva de xénero no tratamento informativo

A deputada do BNG non puido deixar de facer  referencia  á violencia  de xénero, nun fin de semana negro cun “duplo feminicidio en Galiza”,   e o tratamento informativo que se lle está a dedicar a estes asasinatos de mulleres polo que preguntou  se existen cursos de formación específica para persoas que traballan na radio e televisión pública. “ Nos medios de comunicación  públicos hai que ser moi coidadosos e coidadosas á hora de facerse eco da violencia contra as mulleres” recalcou a parlamentaria do BNG quen considerou que debe aplicarse de maneira efectiva a igualdade entre homes e mulleres,  a igualdade de trato e oportunidades e a integración das perspectivas de xénero e linguaxe non sexista.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG