PARLAMENTO GALEGO

Olalla Rodil reclama que se cumpra a lei dos medios públicos galegos, aprobada hai cinco anos

Olalla Rodil reclama que se cumpra a lei dos medios públicos galegos, aprobada hai cinco anos
  • A nacionalista defendeu iniciar un proceso de diálogo para a escolla dunha nova dirección xeral que debe ser aprobada por unha maioría de dous terzos da Cámara galega

A deputada do BNG, Olalla Rodil defendeu hoxe unha proposición non de lei, en comisión, para reclamar o desenvolvemento da Lei 9/2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza, aprobada hai cinco anos no Parlamento galego.

A iniciativa nacionalista inclúe  a elaboración e redacción do estatuto profesional e a creación do consello de informativos, “solicitado en varias ocasións polo comité de empresa da CRTVG” así como polo Colexio Oficial e profesional de Xornalistas de Galiza, afirmou Rodil.

Dende o BNG entendemos que o cumprimento da lei é  a forma de introducir “o carácter democrático e de independencia” así como de profesionalidade dos medios, tanto na radio como na televisión pública de Galiza, e por esta razón solicitamos, “por segunda vez”, o apoio a esta proposición non de lei para instar a Xunta de Galiza a iniciar o cumprimento da Lei 9/2011.

Na súa intervención a deputada asegurou que tras a aprobación da lei o Partido popular introduciu unha modificación coa intención de “blindar a dirección xeral da CRTVG” cun programa marco pero nós, recalcou, “non estamos aquí para darlles xabón, estamos para reclamar que as leis se cumpran” e resulta “escandaloso” que despois de cinco anos vostedes non cumpran a lei nin respecten os dereitos dos traballadores e traballadoras da CRTVG.