Acordo unánime na Cámara galega para recuperar a Historia da Filosofía como materia obrigatoria

Ana Pontón, Marta Pérez, Jorge Álvarez e Carme Adán
Ana Pontón, Marta Pérez, Jorge Álvarez e Carme Adán

Olalla Rodil: “Queremos unha educación que nos ensine a pensar, non a obedecer”

A portavoz de educación e cultura do BNG, Olalla Rodil amosou hoxe a súa satisfacción polo acordo unánime acadado no Parlamento galego para recuperar a   Historia da Filosofía como materia obrigatoria no bacharelato  e demandar do Goberno do Estado iniciar un debate en profundidade sobre a situación da filosofía no sistema educativo e a súa pervivencia.

Tras saudar ás persoas convidadas ao debate da Proposición non de lei e impulsoras da iniciativa popular apoiada por máis de 8.000 sinaturas, agradeceu e recoñeceu o traballo da campaña “Filosofía si” que durante moitos meses puxo o foco político e mediático  nunha cuestión que Rodil cualificou de central e que “vai  máis alá do ámbito educativo”.

“Queremos unha educación que nos ensine a pensar e non a obedecer” afirmou a nacionalista dende a tribuna  dirixíndose aos impulsores e impulsoras da iniciativa  entre os que se encontraban a catedrática de Filosofía e  exdeputada do BNG ,  Carme Adán,   a actriz Marta Pérez, licenciada en Filosofía e directora da Compañía de teatro Inversa, e da obra “Té con Kant”, Eva Garea, profesora de Filosofía no concello de Ames  e Jorge Álvarez, catedrático de Filosofía e investigador.

A parlamentaria recalcou que a   recuperación da Filosofía como materia troncal no Bacharelato, “vai alén do ámbito educativo e situase como   cuestión fundamental do desenvolvemento humano, individual e colectivo”.

O filosofo existencialista, Jean Paul Sartre, sostiña   que cada un de nós é, en cada momento da súa vida, “a suma das súas eleccións previas”. Sartre referíase ao home e  nós  desde o BNG, dixo a deputada, falamos do  ser humano, porque as mulleres tamén existimos, “o ser humano é o que decide ser por si propio”. E para decidir por unha mesma,  é absolutamente necesario pensar, dubidar, cuestionar. Preguntas que precisan de   ferramentas que nos permitan, “fixa,  e construír unha opinión propia da realidade”. É máis se cabe, en   momentos inmensamente convulsos como os que estamos a vivir agora, no seo dunha “crise civilizatoria” como dicía a filósofa arxentina, Isabel Rauber.  

Neste contexto, engadiu a nacionalista,  a filosofía nas aulas, non só como ámbito formativo senón como espazo de estímulo no currículo académico, “é chave para entender”. Para entender o que nos rodea mais tamén todo o aprendido e para  interconectar coñecemento tecendo unha rede que constrúe pensamento e puxo como exemplo que  un conxunto de persoas con poder suficiente decida que a Filosofía desapareza como materia troncal, que os estudos de Música tamén  perdan  presenza mentres apostan  por materias científico-tecnolóxicas e criterios economicistas. 

Non é unha decisión baladí, inocente ou inocua. Non. Responde e reproduce unha lóxica de mercado nun dos principais espazos de socialización e desenvolvemento humano baseándose nun coñecemento cada vez máis compartimentado, máis fragmentado e especializado desde idades temperás. É como aplicar esas cadeas de montaxe como a da Citroën en Vigo pero ás nosas cabezas.

“Intelixencia cega” que afirmaba Edgar Morin. Aquela que non sabe outra cousa que separar, rachar o complexo do mundo en fragmentos disociados.

Rodil  aludiu tamén a  Martha Nussbaum quen defendía   que as humanidades, e a Filosofía entre elas, “son imprescindíbeis para a democracia porque nos axudan a cuestionar a tradición e a autoridade”.

A deputada  reiterou o  apoio do BNG á proposición non de lei e culpabilizou a  LOMCE da desaparición da Filosofía, “a LOMCE no seu conxunto debe ser derrogada”. Concluíu

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG