Parlamento Galego

Olalla Rodil propon á Deputación de Lugo un plan para dar máis autonomía aos concellos

Olalla Rodil
Intervención de Olalla Rodil comparencia Deputación Lugo
  • A deputada do BNG cuantificou en 20 M€ cunha distribución baseada en criterios obxectivos de ruralidade, extensión, dispersión, avellentamento da poboación e crise demográfica

Trala comparecencia do Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos para explicar os orzamentos do ano 2017, a deputada do BNG, Olalla Rodil propuxo poñer en marcha un “Plan coa  dotación de, cando menos, 20 millóns de euros distribuídos nos  concellos baixo  criterios  de ruralidade, extensión, dispersión, avellentamento da poboación, crise demográfica...”

A parlamentaria tamén  preguntou ao Presidente da Deputación de Lugo se a súa formación política apoiará  a creación deste Plan Único de Obras e Servizos como lle propuxo o BNG para os Orzamentos de 2017 e que esta sendo aplicado na Deputación da Coruña cun orzamento de 76M€.

Desde o Bloque, explicou Rodil, sempre consideramos  que as Deputacións Provinciais son “anacrónicas e carecen de sentido” e    non se corresponden cunha demarcación acaída á realidade social, demográfica e mesmo económica das comarcas galegas ,só hai que ollar, dixo,  as diferenzas entre A Mariña e a montaña de Lugo.

A deputada nacionalista  lembrou que o BNG sempre defendeu  “camiñar cara ao baleirado competencial das deputacións”  polo que apostamos, afirmou, pola “incorporación no Plan Único de  todos os fondos que até o de agora viñan sendo repartidos de maneira discrecional e moitas veces en función da cor política dos gobernos de turno”.

Esta medida dotaría de maior orzamento aos concellos mais tamén de autonomía para decidir en que investir o diñeiro, de acordo coas necesidades sociais de cada localidade pois son os municipios as administracións máis próximas á veciñanza. “Desde o BNG queremos rematar coas prácticas caciquís que na Deputación de Lugo foron instauradas na Era Cacharro e pór fin á discriminación en función da cor política”.

Agardamos contar co apoio de todas as forzas políticas, non só do PSOE, pois quen se beneficia é o conxunto do mapa municipal de Lugo, incluídos os gobernos do Partido popular. De facto, este Plan Único duplicaría os fondos que reciben na actualidade os concellos máis pequenos e no caso doutros  cunha poboación de 5 mil habitantes,  pasarían a recibir máis de 400 mil euros, cando na actualidade reciben 100 mil.

A pregunta señor Campos é sinxela, recalcou a nacionalista,  vai apoiar a proposta do BNG o PSOE ou vai, como aconteceu o pasado ano procurar o apoio do Partido Popular e do señor Martínez que, como sabemos, traballa só en beneficio propio?

Darío Campos responde ao BNG que a Deputación está a estudar a proposta do  Plan

Pola súa parte, o Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos respondeu a deputada do BNG que na actualidade “están a estudar o Plan” e asegurou que, en principio só poderían ser destinado á  proposta 12 M€.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG