Parlamento Galego

Olalla Rodil pide incrementar as partidas para impulsar as industrias culturais e normalización lingüística

Intervención Olaia comisión de cultura
Intervención Olaia comisión de cultura
  • A nacionalista criticou que o Goberno galego destine 93 M€ ao ensino privado concertado e 21M€ ao profesorado de relixión católica polo que pediu mobilizar parte destas partidas para incrementar o investimento na defensa e promoción da lingua a lingua  galega, a creatividade artística e a recuperación da memoria histórica

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil lamentou que unha vez máis, o Partido popular non aceptara ningunha das emendas presentada na Comisión de Economía e Orzamentos nas partidas de Educación e Cultura, “o PP  presume de diálogo pero hoxe volvemos a comprobar que isto é unha falsidade”, dixo a parlamentaria, tras anunciar Cesar Fernández Gil, portavoz popular, que votarían  en contra das emendas do BNG.

“O proxecto do BNG,  aposta polo  ensino público, fronte ao privado-concertado. aposta pola lingua, a cultura e a creatividade artística dun país con imensas potencialidades, mesmo económicas e tamén na recuperación da memoria histórica, ámbito que ficou deserto de propostas e de orzamento desde 2009”, recalcou a deputada do BNG.

Rodil criticou que nos orzamentos do 2017 sexan  investidos  93 millóns de euros públicos no ensino privado-concertado,  “diñeiro que pagamos todos e todas” e    21 millóns de euros  en profesorado de relixión católica.

Por outra parte, a  parlamentaria tamén  reclamou máis  orzamento  para  investigación universitaria e destacou  a campaña de crowdfunding que lanzou unha equipa investigadora  encabezada polo doutor Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do CHUS. Cando para financiar investigacións coma esta, centrada  na biopsia líquida, as equipas teñen que recorrer ás microaportacións populares a través da rede resulta moi evidente   a “falla   dunha  política en  I+D+i”.

Máis recursos para normalización lingüística

A deputada tamén reclamou  destinar 10 M€ para  Normalización Lingüística.  “Menos laiarse da perda de falantes e máis recursos económicos, materiais e humanos para pór en valor o noso, para lixar prexuízos e estereotipos, apostando pola  riqueza dunha lingua que nos conecta  con todo un abano de países, pobos e culturas no espazo lusófono”. Temos a posibilidade de abrir oportunidades culturais, artísticas mais tamén económicas e políticas coa lusofonía a través da CPLP porque “hai un mundo de oportunidades se nos decidimos a camiñar sen tutelas”.

Outros 10 millóns para impulsar a cultura  cunha  política cultural que torne a Agadic  como dinamizadora das nosas industrias culturais, da mesma maneira que a SODEC  (Quebeq) ou o ICIC (Cataluña). Os sectores privados da cultura galega xeran

riqueza, emprego e valor cultural e simbólico para a nosa sociedade. O que precisan, por tanto, son “políticas públicas que os fomenten, para facer visíbel a nosa identidade a través dunha produción cultural autónoma e feita na nosa lingua”.

Finalmente a deputada tamén abordou a necesidade de recuperar a memoria histórica polo que apuntou destinar  300 mil euros para  “por negro sobre branco o que aconteceu no golpe de estado fascista  e  anos de represión”, recuperar San Simón como Illa da Memoria e dignificar ás  persoas “represaliadas, paseadas e fusiladas”. A nacionalista tamén pediu difundir entre a mocidade  o papel da resistencia antifascistas xunto co de todas as persoas que loitaron pola democracia,  “galeguistas, anarquistas ou comunistas”. É de xustiza rachar co silencio que impuxo quen atentou contra a legalidade, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG