Olalla Rodil pide a dimisión do conselleiro de Educación tras o peche de centros de ensino público

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil pide a dimisión do conselleiro de Educación tras o peche de centros de ensino público

A portavoz parlamentaria de Educación, Olalla Rodil, ratificou a posición do BNG en contra do peche de centros anunciada pola Xunta de xeito arbitrario e intempestivo e, ademais, aproveitou o debate na Cámara para lanzar unha proposta ambiciosa que garanta un ensino de calidade no medio rural: un Plan específico para o ensino no rural e na montaña.

“Un plan cobizoso e integral, que tendo como centro a escola, vaia máis alá e sexa este un elemento que axude a garantir o futuro das localidades, dos concellos, das comarcas rurais e de montaña”, salientou Rodil, ela mesma ex alumna dunha escola rural en Ribeira de Piquín, agora pechada.

Para iso, o plan debe recoller “políticas transversais que teñan en conta os servizos públicos, o transporte escolar e regular e os propios sectores produtivos destas zonas do país”, como mecanismo para “frear a despoboación e recuperar habitantes”, como reclama a Mesa Galega de Educación no Rural, cuxas proposta foron desatendidas polo PP.

O Bloque volve pedir a dimisión do conselleiro de Educación polo peche dos centros Emilio Navasqüés de Cruceiro de Roo en Outes e do CPI Monte Caxado das Pontes, ao que se suman a supresión da ESO no CPI Tomás de Lemos de Ribadavia e do CPI da Ribeira, no Porriño.

“Centros con alumnado suficiente, que desenvolvían a súa actividade con éxito, que contribúen ao mantemento poboacional en localidades rurais ofrecendo un servizo fundamental e de proximidade ás familias, adaptado á súa realidade e ás necesidades de quen vive alí”, alegou Rodil no debate en comisión.

A deputada criticou, tanto no fondo como na forma, o que definiu como outro recorte ao sistema de educación pública, mentres en paralelo segue o drenaxe de fondos para o ensino privado-concertado. “Non hai razón obxectiva algunha para xustificar nin os peches nin os recortes”, criticou, “e as formas de como o fixeron despóticas e covardes para minimizar a contestación social”.

“Pero non o conseguiron porque a xente defende o seu dereito a un ensino público de calidade e de proximidade; defende o mantemento de servizos fundamentais nas localidades rurais e, sobre todo, defende o futuro das súas fillas e fillos”.

Os continuados recortes en educación nos anos de mandato Feijóo son especialmente graves no rural. “Éncheselles a boca falando do compromiso do PP co rural, pois pechando escolas compromiso pouco, é unha morte anunciada porque a poboación fíxase onde hai servizos”, concluíu.