GALEGAS 2016

Olalla Rodil: “O patrimonio cultural galego que custodia a igrexa ten que pasar a ser público e depender da Xunta”

Encontro co tecido cultural de Lugo
Encontro co tecido cultural de Lugo
Olalla Rodil: “O patrimonio cultural galego que custodia a igrexa ten que pasar a ser público e depender da Xunta”
  • Rodil afirmou que “está claro que o noso proxecto cultural non coincide co de Marta Rivera de la Cruz”
  • Olalla Rodil presentou as propostas de cultura do BNG a colectivos e persoas vencelladas ao tecido cultural lucense

A candidata do BNG, Olalla Rodil, mantivo unha xuntanza, na Galería Sargadelos con colectivos e persoas vencelladas ao tecido cultural lucense para presentar as propostas do programa electoral do BNG en materia cultural. Rodil dixo que “os bens culturais teñen que ser de todas as galegas e galegos” e “non pode ser que se invistan cartos públicos en manter os inmobles propiedade da igrexa, incluso edificios con empresas, e que non pagan o IBI”.

En relación ao recente nomeamento da escritora Marta Rivera de la Cruz como presidenta da comisión de cultura do congreso, que foi apoiada por representantes de grupos políticos que foron elixidos polas galegas e galegos, Rodil afirmou que “está claro que o noso proxecto cultural non coincide co de Marta Rivera de la Cruz” e lembrou cales foron as propostas do grupo que esta escritora representa nas anteriores eleccións ao goberno do estado. Ademais apuntou que “é dificil de xustificar que se represente os intereses de Galiza e se apoie a unha persoa velixerante contra a nosa lingua para un cargo de tanta responsabilidade”.

Rodil dixo que o BNG pulará, dende o goberno da Xunta e dende o Parlamento Galego, pola construción dun espazo galego de comunicación e cultura, que difunda a cultura de noso como unha cultura viva, dinámica e nacional até convertela en referencial para o conxunto da poboación.  O apoio á creación a través de políticas que promovan a calidade da formación artística, a innovación nos procesos de traballo e a visibilidade social das creacións.

O BNG tamén traballará no apoio especializado aos nosos sectores culturais, de cara a unha maior profesionalización, fortalecemento económico e difusión social, como mellor xeito de garantirmos a nosa capacidade para producir discurso cultural desde nós mesm@s. Outra das apostas é o fomento dunha programación teatral estábel que vise que, polo menos nas cidades, as producións permanezan un mínimo de 4-5 días para rendibilizar os custos de transportee montaxe de escenografías, iluminación, son e outros dispositivos técnicos e para crear econsolidar públicos estábeis.