Olalla Rodil: “O Goberno segue vendendo fume co barrio da Residencia en Lugo”

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil: “O Goberno segue vendendo fume co barrio da Residencia en Lugo”
  • A deputada denunciou o “desborde” do centro de saúde do barrio da Milagrosa e PAC do Barrio de Fingoi e  reclamou manter os usos sociosanitarios da Residencia vella  

A través dunha pregunta ao goberno, a deputada do BNG, Olalla Rodil explicou que  na cidade de Lugo só existe un Punto de Atención Continuada no barrio de Fingoi cun servizo de urxencias extrahospitalarias e na zona norte da cidade, un centro de saúde “absolutamente desbordado” pola falta de dimensións físicas e de persoal polo que resulta “imprescindible” un centro acorde ao número de habitantes.  Neste sentido, propuxo  utilizar o edificio da antiga Residencia para “desdobrar” o servizo sanitario.

A deputada tamén  lembrou que trala apertura do hospital HULA, a antiga residencia está en desuso aínda que deses edificios díxose de todo como,   que acollerían un PAC e  un centro de saúde para atender o Barrio da Milagrosa. Hai cinco anos, volvíase a anunciar  que as obras de recuperación e mellora da infraestrutura eran inminentes, pero “pasaron cinco anos e nada de nada”, indicou.

Pola súa parte, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez  respondeu á nacionalista que a consellería  está a traballar na procura dunha solución “viable, útil, áxil, e global” ao que a nacionalista replicou que despois de cinco anos todo indica que o PP “non foi moi  áxil” nin vai cumprir coas súas promesas electorais senón que “segue vendendo fume co barrio da Residencia”.

A deputada censurou que a única proposta do goberno sexa destinar a antiga residencia a unha nova comisaria de policía. Para Rodil, “a Xunta non debería funcionar como unha axencia inmoviliaria do Ministerio do Interior”, sobre todo tendo en conta as necesidades sanitarias da cidade, e concretamente coa barrio da Milagrosa.