VALORACIÓN DO DISCURSO DE FIN DE ANO DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALIZA

Olalla Rodil: "Feijóo fixo un discurso baleiro e autocompracente"

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil: "Feijóo fixo un discurso baleiro e autocompracente"
  • O presidente da Xunta “apelou a un diálogo que nin el nin o seu goberno practican”, dixo a vicevoceira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil.

Despois de escoitar a mensaxe pronunciada polo presidente da Xunta de Galiza con motivo do Fin de Ano, a vicevoceira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, asegurou que “o discurso de Feijóo foi baleiro e autocompracente”.

“O PP e Feijóo levan gobernando este país de maneira ininterrompida durante 8 anos e escoitándoo semella que os problemas do noso país non teñen ningunha causa política nin nada que ver coa súa xestión de goberno”, sinalou.

Para o BNG o presidente da Xunta “non quixo pór nome” a algún dos problemas máis graves que atinxen Galiza “como a emigración” e apelou a un “diálogo que nin el nin o seu goberno practican como puidemos comprobar nestes primeiros meses da lexislatura”, asegurou Rodil nos que “o PP confunde a súa maioría absoluta cunha absolutista”.

Así as cousas, a deputada emprazou o presidente e o Partido Popular a “aproveitar a oportunidade” que lle brinda o debate orzamentario “para aprender a facer algo moi propio do pobo galego como é escoitar” e “apoiar as propostas do BNG”. Entre elas, unha á que o presidente se referiu no seu discurso.

“O BNG propuxo un Pacto galego contra a violencia machista con medidas concretas e compromisos reais para combater de maneira efectiva e integral este grave problema político e social” que desde a organización nacionalista agardan aprobar co apoio de todas as forzas políticas.

Desde o BNG coidan que a intervención de Feijóo é máis propia dun “delegado do goberno” que dun “presidente” pois “volve repetir que Galiza non quere privilexios mais non censura nin cuestiona as decisións adoptadas polo goberno español que prexudican os intereses de país” como o veto ao debate sobre a transferencia da AP9.

“Non vale de nada o espírito de Nadal co que Feijóo nos quixo deleitar en Fin de Ano falando da 'democracia dos afectos'” se despois continúan adiante coa súa política. “Esa democracia afectiva constrúese desde a equidade e a xustiza social e non pregoando unha suposta recuperación económica que está a deixar milleiros de persoas na precariedade”.

“Despois de escoitar a Feijóo semella que imos ter máis do mesmo en 2017”, concluíu a parlamentar.