Olalla Rodil critica o abandono da liña de tren Ferrol-Ribadeo e demanda melloras inmediatas no servizo

Olalla Rodil
Olalla Rodil

A liña ferroviaria que une Ferrol con Ribadeo é fundamental para prestar un servizo de transporte a 200.000 habitantes e para a conexión de mercadorías coa cornixa cantábrica, pero está nun total abandono por parte do Goberno central e galego, de tal xeito que o servizo que presta é máis propio do século XIX que do XXI.

Neste contexto, a deputada por Lugo Olalla Rodil reclamou no Parlamento a mellora inmediata desta liña en horarios, modernización dos trens e prestación de servizos, que free o progresivo desmantelamento desta conexión ferroviaria por parte do Ministerio de Fomento coa complicidade da Xunta.

 A deputada lembrou a xuntanza do 8 de maio entre responsables da Xunta, Renfe e as alcaldías da Mariña, Ortegal e Ferrolterra, que concluíu co compromiso da operadora de crear un grupo de traballo, pero desde ese encontro multiplicáronse os atrasos, as cancelacións de viaxes e as avarías de trens “deixando tiradas” as persoas usuarias. “O caos chega a ser total no servizo cando de nove máquinas, só funciona unha”, critica Rodil.

De novo os concellos afectados urxen unha solución e piden que se cree a prometida comisión de traballo, “pero as incidencias continúan agravadas pola escaseza de persoal para cubrir vacacións”, e son tan variadas como incendios nos trens, servizos suprimidos, avarías de máquinas, cancelacións, “e así até hoxe mesmo”, denunciou a deputada.

“Son as consecuencias do progresivo desmantelamento deste servizo que non vén de agora, leva moito tempo, porque FEVE agoniza cuns horarios que non atende as necesidades da poboación, pola falta de mantemento, a falta de persoal, avarías constantes, retrasos, supresións, cancelacións e a ausencia absoluta de planificación e promoción do servizo”, sintetizou Rodil.

A deputada lembrou a importancia deste servizo para a cubrir as necesidades da poboación de tres comarcas e atender as necesidades de sectores económicos fundamentais como o transporte de mercadorías de Alcoa. “Xa non chegan as boas palabras nin as promesas sistematicamente incumpridas, e desde o BNG reclamámoslle ao goberno galego que adopte as medidas necesarias para garantir un servizo por tren do século XXI entre Ferrol e Ribadeo”, demandou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG