A través dunha pregunta parlamentaria formulada polo deputado do BNG, Luís Bará, o goberno recoñece que non cumpre a Lei de Transparencia e que proximamente remitirá un informe coa documentación e información solicitada polo BNG e sobre o cumprimento dos acordos parlamentarios
Bará lembrou que o Goberno está obrigado pola Lei de Transparencia de remitir a información e documentación requirida pero de “maneira sistemática”, denunciou o nacionalista, “o goberno oculta información”. No caso dos convenios menores, dixo, moitos non se publican e existe un gran número asinado con concellos do Partido popular, o que ao seu entender, constata o interese do Goberno galego en contratos con entidades locais “da súa mesma cor política”.
Por outra parte, a Lei de Transparencia tamén implica a publicación de todos os acordos parlamentarios e un informe sobre o seu grao de cumprimento. Dende o inicio da lexislatura, no último trimestre do ano 2016, explicou o nacionalista, “aínda non se publicou ningún destes informes”. Pola súa parte, a directora xeral de Relacións Institucionais e parlamentarias Blanca García-Señoráns Álvarez, comprometeuse a enviar ao Parlamento nos vindeiros días un informe tras recoñecer “o retraso considerable” na súa publicación.
Bará recalcou que máis de dous centos oitenta acordos están sen cumprir, e polo momento “nin a Xunta nin o Goberno do Estado tomaron as medidas oportunas” polo que anunciou que o BNG agardará pola publicación do informe e de non ser remitido nos vindeiro días, presentará novas iniciativas para exixir “o cumprimento da normativa” sobre a remisión de información e grao de cumprimento dos acordos parlamentarios.