Noa Presas: “A Xunta ten que garantir que Ferroatlántica transforme aquí o silicio que extrae de Serrabal”

Noa Presas
Noa Presas

“Sería o colmo que Galiza poña o mineral e a multinacional cree os postos de traballo fora. Non estamos por este modelo depredador”, afirma a deputada do BNG

O BNG reclama da Xunta que garanta que Ferroglobe-Ferroatlántica transforme o silicio que explota da mina de Serrabal en Galiza, concretamente na súa planta da Coruña, tendo en conta que se trata de recursos minerais do país dos que a multinacional se beneficia grazas a unha concesión pública.

A portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, presenta esta iniciativa na Cámara tras coñecer diversas informacións que apuntan a intención da empresa de Villar Mir de trasladar postos de traballo e proxectos de investigación desde a planta coruñesa de FerroSolar a Puertollano.

“Sería o colmo que a multinacional explote os recursos mineiros do país, co custe medio ambiental que iso ten, para despois coller o mineral de Serrabal e levalo fora para terminar o ciclo produtivo fora de Galiza, xusto o que xera máis valor engadido e emprego”, indicou Presas, de aí esta iniciativa para evitar “a deslocalización de postos de traballo desde a planta coruñesa de Sabón para Puertollano”.

O Bloque considera que o Goberno galego, “non pode estar en silencio e ten que saír de inmediato, sobre todo se temos en conta que é en Galiza onde a multinacional obtén o mineral, un silicio purísimo de gran calidade que se traduce en grandes beneficios para a empresa”.

“Explotar os nosos recursos minerais e usalos para completar o ciclo produtivo fora sería un claro exemplo dese modelo depredador que impulsa  a Xunta a través da súa lexislación, que converte Galiza nunha mina, como é o caso de Serrabal, un modelo no que o custe o asume este país pero a riqueza e os postos de traballo os levan outros territorios”, salientou Presas, quen pide a “intervención inmediata da Xunta”.

O Bloque lembra na iniciativa que Silicio FerroSolar é un activo empresarial creado en 2008 co obxectivo de desenvolver tecnoloxías de purificación de silicio e obter a modalidade de silicio de grado solar, apto para desenvolver pezas empregadas na xeración de enerxía fotovoltaica. A pureza e alta calidade do material obtido na mina de Serrabal, combinado co desenvolvemento tecnolóxico, ten como resultado un pó de silicio de altísima calidade, cunha pureza case do 100%,  e sitúa Galiza e á empresa na vangarda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG